
O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, presentou este xoves a programación cultural e deportiva dos meses de setembro e outubro, que en palabras do propio rexedor municipal “está pensada para todos os públicos, cunha oferta moi variada para o desfrute de toda a familia”. As actividades darán comezo o sábado día 2 cunha festa do motor e exposición de vehículos de competición, que estará aberta ao público durante todo o día na contorna do complexo deportivo de As Cercas. Tamén durante todo o día, dende as 10:00 da mañá, disputarase no Pavillón Municipal Bernabé Costas o Campionato Galego de Dardos na modalidade de “Aro Estreito” e no que se darán cita centos de competidores chegados dende todos os puntos de Galicia. O mesmo sábado tamén haberá quenda para a música coa celebración do VIII Encontro de Coros Tradicionais “Cantares do Miñor” a partir das 19:00 horas na Praza Paradela e con entrada libre.
A programación do mes de setembro proseguirá dende o xoves día 7 ata o domingo 10 coa celebración do festival gastronómico e musical “Rilla na Rúa, edición Novecento”, no que se poderá desfrutar da mellor gastronomía de rúa nunha contorna natural inmellorable, o Parque da Coelleira, onde ademais de boa comida, os asistentes poderán gozar de boa música, artesanía e xogos infantís. A música tradicional tamén ten un espazo moi importante na axenda cultural do Concello de Gondomar. O sábado 9 ás 20:00 horas o grupo tradicional “Os Terribles de Donas” se subirán ao escenario da Praza de Rosalía de Castro, e ao día seguinte, o domingo 10, a Banda de Gaitas “Irmandade” do Centro Social Cultural e Deportivo de Bolos de Montevideo (Uruguai) ocupará ese mesmo escenario tamén ás 20:00 horas.
O mesmo domingo 10 a partir das 8:00 horas e con saída dende a Praza Paradela terá lugar a Marcha Cicloturista Concello de Gondomar. Ademais ese mesmo día entre as 16:00 e as 20:00 hora terá lugar o “Dance Festival Predator”, no parque Ponte das Rosas, unha festa que mestura a música e o deporte. O sábado 16 será a quenda da danza coa celebración do Festival de disciplinas de Baile “Gondodanza”, no que centos de bailarinas e bailaríns amosarán todo o seu talento nunha tarde na que calquera que queira poderá participar activamente. O xoves 21 dará comezo o festival de música “Season Fest Gondomar”, que durante catro días levará a Gondomar o mellor da música indie do panorama nacional, con artistas da talla de Xoel López, Iván Ferreiro, Pablo Novoa ou os portugueses Capicúa entre moitos outros. O mes de setembro rematará con “Ritmando”, unha actividade para público infantil que terá lugar o mércores 27 na biblioteca municipal.
Xa no mes de outubro, os días 6, 7 e 8 realizarase unha nova edición da Ruta Ciclista do Irmandamento, entre a vila miñorana e Gondomar en Portugal. Para participar nesta ruta deberán dirixirse á Concellería de Turismo a través do enderezo de correo oficinadeturismo@concellodegondomar.gal. O mércores 11 chega á Biblioteca Municipal de Gondomar o Mago Paco co seu espectáculo infantil “Contamaxias”. Un ano máis a asociación A Cento Cien en colaboración co Concello organizan o Motomagosto, que terá lugar no Complexo Deportivo de As Cercas o sábado 14. Os días 28 e 31 o Concello organizará o seu Samaín, con actividades en diferentes rúas e prazas da vila que terán para eses días unha decoración especial. Por último o domingo 29 no Auditorio Municipal Lois Tobío terá lugar a representación da obra teatral “Mamut”.