A centenaria formación Cántigas da Terra, no encontro de coros tradicionais “Cantares no Miñor”

A oitava edición do encontro de coros tradicionais “Cantares no Miñor” celebrarase o vindeiro 2 de setembro, ás 19:00 horas, e xuntará na Praza da Paradela en Gondomar a preto de 100 mulleres e homes nunha homenaxe á música tradicional galega. Este encontro patrocinado polo Concello de Gondomar, está organizado polo grupo de Vincios, Cantares do Brión e, nesta ocasión, contará tamén coa presenza da centenaria formación Cántigas da Terra de A Coruña.

O encontro “Cantares no Miñor” vén sendo xa unha cita principal na área suroeste de Galicia, sinaladamente na terra de Turonio, como unha manifestación da música tradicional, a lingua e a identidade galega. Muiñeiras, pandeiradas, alalás e foliadas escoitaranse na praza central de Gondomar xunto coa poesía que Cantares do Brión incorpora ao folclore do país, cunha convocatoria anual aberta á participación popular e que ten como premio o arranxo e musicalización do poema escollido polo xurado. Este ano, na actuación do vindeiro 2 de setembro, vai estrearse musicalizado o poema elixido na pasada edición, “Sons no ar” de Ricardo Seixo.

O público poderá asistir de balde á interpretación dos repertorios de ambas formacións que xuntarán no palco da música a máis de 100 mulleres e homes ataviados cos traxes tradicionais de Galicia que coas súas voces, grupos de gaitas e corpos de baile gozan e fan gozar da difusión e posta en valor da cultura do noso pobo.

Baixo a dirección do vinciés, Pablo Rial Salgueiro, o coro Cantares do Brión leva preto de quince anos congregando a coristas de todas as idades, divididas en catro cordas canónicas, para dar vida á música galega de raíz ben sexa esta tradicional ou de autor. No repertorio que ten xa máis de sesenta diferentes pezas, as voces van á par de gaitas, pandeiretas, pandeiro, cunchas, bombo e tambor. Cunha sensibilidade especial pola integración na música da xente que ten máis dificultade en escoitala, o coro Cantares do Brión sempre acompaña os seus espectáculos con intérpretes que van traducindo á lingua de signos as pezas que se van cantando e rachar así as fronteiras que fisicamente ás veces nos separan.

Para estreitar lazos entre os coros históricos, cada convocatoria de Cantares no Miñor, o grupo de Gondomar invita a outra coral galega a achegarse ao encontro. Nesta ocasión o grupo que virá a Gondomar será a centenaria formación Cántigas da Terra, unha entidade cultural fundada en 1916 por xentes vencelladas ás Irmandades da Fala que leva desde aquel ano traballando sen interrupción polo recoñecemento das nosas músicas e poñendo en valor o noso dentro e fóra do país. Ese traballo foi recoñecido en 2016 coa Medalla Castelao e aplaudido en escenarios de toda Galicia e máis de Francia, Alemaña, Suíza, Bos Aires ou Brasil.