Sin categoría

101 barcos listos para inaugurar un Trofeo Príncipe de Asturias de récord

Todo a punto en Baiona para celebrar un ano máis o Trofeo Príncipe de Asturias, que organizan o Monte Real Club de Yates e a Escola Naval Militar co patrocinio de ABANCA e que este ano cumpre a súa trixésimo oitava edición con preto dun centenar de barcos inscritos.

A escasas horas para o seu comezo e cun parte de ventos do oeste-suroeste con entre 10 e 15 nós que augura boas regatas, a actividade nos pantaláns e na oficina de regatas foi frenética durante a tarde do xoves, na que os equipos se apresuraron para ter todo listo antes do primeiro bocinazo de saída, que se escoitará este venres ás tres da tarde.

Aínda que inicialmente o club limitara en setenta o número máximo de inscricións para asegurar a comodidade das tripulacións nos espazos do club, o concello de Baiona puxo ao dispor do Monte Real o pantalán no que se sitúa a carabela “La Pinta”, permitindo desta maneira aumentar o tope ata case rozar o centenar de equipos que estarán este ano na liña de saída. Non faltarán, ademais, os favoritos para facerse co título e algunhas das grandes figuras da vela nacional.

As primeiras probas disputaranllas este venres a partir das tres da tarde os ORC 0-4, os J80 e as mozas da Gestilar Ladies Cup. O sábado ao fío do mediodía entrarán en escena dúas categorías máis, ORC 5 e Open, que contan con dúas costeiras no seu programa da fin de semana, mentres que o resto da frota continuará sumando parciais con regatas tipo barlovento-sotavento para os monotipos e de formato trapecio para os ORC.

Dos resultados finais das tres xornadas de regata sairán os novos vencedores do 38º Trofeo Príncipe de Asturias, así como o gañador absoluto das divisións ORC 0-4, as vencedoras da Gestilar Ladies Cup e o Trofeo Conde de Barcelona á mellor tripulación portuguesa. A cita tamén será, como cada ano, puntuable para o Trofeo Presidente da Xunta de cruceiros e J80.

Vinte e sete edicións ininterrompidas da Gestilar Ladies Cup

A Gestilar Ladies Cup sairá a escena este venres para disputar a súa vixésimo sétima edición, reafirmándose unha vez máis como unha das competicións de vela feminina máis importantes do panorama náutico español.

Contará con seis tripulacións representando a Galicia, Portugal, Valencia, Baleares e País Vasco. Marta Ramada, Carlota Hernández, Carmen Galdós, Nuria Sánchez, Pilar Casares e Elena Raga son as seis regatistas que se poñerán á fronte de cada un dos equipos que competirán a bordo dos Fígaro do club. Puntuando en tempo real pelexarán por converterse nas novas campioas da prestixiosa competición.

Este xoves, na xornada previa, celebrouse no club o sorteo das embarcacións coa participación, un ano máis como man inocente, do medallista olímpico vigués Nico Rodríguez, que conta tamén co patrocinio de Gestilar.

Co campo de regatas situado na baía de Baiona, o programa de competición para a frota feminina contempla un máximo de nove probas nas que as tripulacións pelexarán desde o minuto cero polo ansiado triunfo.

ORC: Emoción e espectáculo nas Rías Baixas

Todo apunta a que a frota de ORC será unha das máis disputadas e emocionantes da competición, tal e como veu sucedendo durante os últimos anos.

O defensor do título tanto na división dos barcos de maior eslora como na xeral absoluta, o Xekmatt portugués liderado por Hugo Prista, estará tamén nesta trixésimo oitava edición. O que xa era un habitual no podio de anteriores edicións, con José Prista á fronte, logrou en 2022 a súa segunda vitoria xeral despois de dez anos, e nesta trixésimo oitava edición regresa disposto a pelexar de novo polo triunfo.

Non faltarán tampouco o Aceites Abril dos irmáns Luis e Jorge Pérez Canal, o Magical de Julio Rodríguez ou o Yess Too de Rui Ramada, unha tríada habituada aos postos máis elevados da táboa. Todos e cada un deles prometen pelexar desde o primeiro bocinazo e ata o final polo gran título da tempada.

Tamén tratarán de repetir vitoria nas súas respectivas categorías o Urbapaz de Fran Edreira, o Adegas Terrae de Vicente Cid -coñecido ata o de agora como Deep Blue 2.1-, o Salseiro de Manuel Blanco e o Cinco Islas Albariño de Iñaki Carbajo. Fronte a eles estarán moitos dos que acumulan varios podios en anteriores edicións e que aspiran tamén a levar o galardón de vencedores, polo que non hai dúbida de que a vitoria estará máis que disputada en augas da ría de Vigo.

Na clase ORC Open, ademais, competirá como cada ano un equipo formado polos alumnos da escola de Vela Adaptada do Monte Real.

A frota das divisións 0 ata a 4 poderán sumar ata nove probas repartidas nas tres xornadas de regata, mentres que ORC 5 e Open disputarán unha costeira o sábado e outra o domingo.

Proba de fogo para os J80 de fronte ao Mundial

A frota de J80 é sen dúbida unha das que xerará este ano maior expectación. A pouco máis de dúas semanas para que se celebre o Mundial da clase en Baiona, moitos dos equipos que estarán na cita intercontinental veranse antes as caras no Príncipe como anticipo da gran cita do ano.

Máis de corenta barcos representando a Galicia, País Vasco, Cantabria, Baleares, Valencia e Canarias buscarán facerse un oco no podio, destacando a presenza do campión de España de 2022, o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro; así como algúns dos regatistas máis importantes do panorama nacional, como o canario Rayco Tabares aos mandos do Hotel Princesa Yaiza.

Fronte a eles, equipos como o Fredo La Estrella del Norte de Pichu Torcida ou o Solintal de Ignacio Camino prometen non poñer fáciles as cousas e pelexar polo Príncipe de maior nivel dos últimos anos.

O 38º Trofeo Príncipe de Asturias celébrase baixo a organización do Monte Real Club de Yates e a Escola Naval Militar e grazas ao patrocinio de ABANCA, Terras Gauda e Gestilar. A competición conta, ademais, coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o concello de Baiona; as Reais Federacións Española e Galega de Vela; e o apoio de empresas como Solventis, Volvo Autesa, Aceites Abril, Zelnova Zeltia, Paradores, Vanguard Marine, Gadis, Foxy, SH Robotic, Onda Cero, Musto, o grupo Solitium, HOLA, Tuypan, Coca Cola e Martin Miller’s Gin.