Nigrán organiza as festas do Bo Xesús de Priegue ao non haber comisión

O Concello de Nigrán organiza, xunto cun grupo de rapaces novos do municipio, a celebración das festas do Bo Xesús de Priegue, do venres 23 de agosto ao domingo 25, achegando 5.000 € a través da iniciativa “Música nas Parroquias”. Este programa municipal finánciase con fondos propios e unha achega a través da liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e conta cun orzamento total de 60.000 € que se distribúen entre todas as festas patronais de Nigrán, ben para contratar bandas de música ou orquestras.

A festa do Bo Xesús, a única do municipio que non conta con Comisión de festas, arranca no Torreiro de Festas o venres 1 de setembro gracias á proposta dun grupo de novos músicos, a maioría de Nigrán, como PVLEE, El FFF, La Huerita, Marco Tiedra, Rafita, Ganxx, Anxo Silva ou Beauty Pikete. O sábado 2 será a orquestra Alabama a que centrará a véspera e a noite do Bo Xesús e o domingo día 3 procesión e concerto coa Banda de Música de Belesar.

“Volvemos colaborar coas entidades festeiras e veciñais para garantir a pervivencia das festas tradicionais de Nigrán porque son os verdadeiros días de celebración conxunta da veciñanza e de ledicia en cada parroquia”, resume o alcalde, Juan González.