Gondomar investirá 190.000 € en obras de mellora do Mercado Municipal

O Concello de Gondomar investirá case 190.000 euros en obras de mellora do Mercado Municipal. A actuación está cofinanciada pola Xunta de Galicia dentro dun programa para a dinamización e a revitalización das Prazas de Abastos. A Praza de Abastos de Gondomar sitúase nun edificio proxectado polo recoñecido arquitecto Xosé Bar Boo na década dos sesenta do século pasado, e que ten unha catalogación de tipo A polo seu alto valor arquitectónico, e polo tanto o goberno municipal decidiu acometer unha serie de obras e melloras para conservar e poñer en valor esta singular edificación, que ademais permitirán gran impulso económico.

O Mercado Municipal de Gondomar recibirá durante os anos 2023 e 2024 un importante impulso. Tras a realización dun informe pormenorizado da situación do mercado, que incluíu a avaliación da situación do exterior e o interior do inmoble e de cada un dos postos existentes, un estudo de mercado e de impacto económico, así como unha enquisa de satisfacción dos seus usuarios, chegouse a varias conclusións que permitiron identificar unha serie de necesidades actuais e futuras, que garantan a súa conservación e a competitividade deste mercado a corto, medio e longo prazo.

Así en canto as obras no inmoble, realizaranse diferentes actuacións para o reforzo da estrutura, así como para a súa correcta impermeabilización e illamento térmico, que melloren a eficiencia enerxética do edificio sen prexudicar os seus valores arquitectónicos. Así mesmo realizaranse traballos de mellora na rede de abastecemento de auga e electricidade tanto nos servizos comúns como nos distintos postos.

É incuestionable que as novas tecnoloxías e a situación de pandemia mudaron algúns usos e costumes dos consumidores, e por tanto o comercio de proximidade ten que facer un esforzo importante por adaptarse a esta nova realidade, e por tanto dentro das actuacións a realizar neste proxecto bianual, figura a instalación dunha rede de telecomunicacións que permita o acceso a internet en todo o recinto mediante Wi-Fi.

Para a mellora do servizo dos postos existentes o Concello tamén puxo en marcha recentemente un sistema de taquillas intelixentes, onde os usuarios do mercado poderán recoller as súas compras fóra do horario de apertura cando sexa necesario. Este servizo se enmarca dentro dun programa de apoio ao comercio local da Deputación de Pontevedra do cal o Concello de Gondomar resultou beneficiario.