Nigrán leva a obra de Teatro do Ar “Días felices” a Chandebrito

O Concello de Nigrán continúa coa súa programación cultural de verán este domingo en Chandebrito ás 19:30 horas no novo torreiro das festas coa obra para todos os públicos “Días felices”, de Teatro do Ar, con entrada de balde.

Días felices é unha obra que conta a historia de Trombón e Trompeta, dous pallasos de enterros que buscan recuperar a súa risa nun mundo no que desapareceu. No camiño coñecen a Ledicia, unha rapaza que naceu no mundo triste, e que nunca viu un sorriso. A obra escrita por Pedro Rodríguez é unha comedia na que as personaxes non saben rir. Reflexiona sobre a identidade, a felicidade, e a solidariedade, sen deixar de buscar sorrisos entre o público. Ademais, en Teatro do Ar tamén destacan que os nenos e nenas que vaian á obra terán un pequeno premio ao final.