O Partido Popular de Nigrán, a través da súa portavoz María José Pino, manifesta a súa satisfacción ante a inminente adxudicación do servizo dos comedores escolares de Nigrán, cuxos menús se realizarán na cociña do CEIP Humberto Juanes. Desde o grupo municipal popular valórase positivamente este cambio, pois a elaboración dos menús e, por conseguinte, a eliminación do servizo de cátering, supoñerá un aumento significativo na calidade do servizo para os nenos e nenas do municipio.
“Cabe lembrar que desde o Partido Popular de Nigrán sempre se apoiou a elaboración dos menús escolares nas cociñas dos propios centros, primando os produtos frescos e de proximidade. Con todo, os pasos seguidos polo alcalde Juan González para chegar a este punto foron do todo erráticos, mostrando unha vez máis que a improvisación constante non fai máis que crear problemas aos veciños e veciñas de Nigrán en temas tan importantes como a alimentación dos seus fillos e fillas”, apunta María José Pino.
Pino lembra que a nova cociña do CEIP Humberto Juanes foi anunciada aos catro ventos pola corporación socialista do Concello de Nigrán no ano 2021, sen ningún tipo de acordo previo coa Xunta de Galicia, “quen ten realmente as competencias neste ámbito e á que se mantivo á marxe do proceso en todo momento”. “Unha vez finalizada a obra e anunciada en todos os medios, a corporación socialista de Nigrán decidiu apartarse e ‘pasarlle o morto’ á Xunta de Galicia, deixando inutilizada a nova instalación”.
“Finalmente, foi a propia Xunta de Galicia unha vez máis quen tivo que sacarlle as castañas do lume ao Concello de Nigrán, publicando os pregos do contrato o pasado mes de maio, ante os que se presentaron numerosas empresas aspirantes e cuxa adxudicación á empresa Aramark Servicios de Catering anunciarase de maneira inminente”, engade a portavoz do PP.
Desde o Partido Popular de Nigrán celébrase esta adxudicación, pero á vez ínstase ao alcalde Juan González a que cambie o seu modo de gobernar “baseado na improvisación e o escurantismo” e comece a planificar as súas accións e a colaborar coas demais institucións públicas, especialmente se as competencias e a posta en marcha dunha instalación depende delas.

