Sin categoría

Nigrán traslada o concerto de Dakidarría ao domingo

O Concello de Nigrán, ante a previsión de choiva de mañá venres 18, traslada o concerto XX aniversario da banda miñorana Dakidarría ao domingo 20 de agosto tamén no espazo deportivo Dunas de Gaifar. Corría o mes de febreiro de 2003 cando catro estudantes do IES Val Miñor realizaban o seu primeiro concerto como Dakidarría no Bar Patos, no marco da campaña do colectivo “Burla Negra” xurdido tras a catástrofe do Prestige. Vinte anos despois, a banda liderada polo veciño de Priegue “Gabri” Reigosa sigue totalmente en activo e é unha referencia da música punk, ska e reggae en Galicia. Por este motivo, o Concello de Nigrán quere festexar o seu 20 aniversario “en casa”.

A cita, única na comarca, será finalmente este domingo no espazo deportivo de Gaifar (Panxón) e no marco, precisamente, da xira conmemorativa que Dakidarría está a realizar por todo o estado e que tamén vivirá un momento especial no Festival Revenidas, en setembro. O evento, de entrada libre, arrancará ás 21:00 horas co grupo de Baiona Xente Tóxica e a continuación Pauliña (22:00 horas) para dar paso ás 23:30 ao gran concerto de Dakidarría no que repasarán toda a súa traxectoria. Como é habitual no Concello, estarán dispoñibles as mochilas vibratorias para toda aquela persoa xorda que o solicite previamente no mail info@entresignos.com ou no whatsapp 690679675.

“Tiñamos unha débeda con Dakidarría e, como Concello, estamos moi orgullosos de poder ‘saldala’ con este gran concerto na casa que, precisamente, repasa os seus 20 anos de traxectoria”, refire o alcalde, Juan González. Pola súa parte, “Gabri” Reigosa, único membro fundador que se mantén, promete un concerto espectacular “cheo de emocións, con artistas invitados e moitas sorpresas”. “É a primeira vez que o Concello de Nigrán, onde nacemos como banda, nos contrata, e o asumimos como un recoñecemento público ao noso traballo e con moito orgullo, é moi especial para min tocar na casa”, admite o líder dun equipo composto por 16 profesionais (9 músicos e 7 técnicos) a maioría da comarca do Val Miñor. Esta xira conmemorativa está chea de actividades para o grupo miñorán, que hai tan só un ano publicaba o seu disco “Colaxe” e que agarda permanecer na escena “polo menos 20 anos máis”.

O concerto en Nigrán será gravado e pasará a formar parte dun documental que tentará plasmar a realidade actual da banda e o longo camiño percorrido ata o día de hoxe. Ademais, a marca nigranesa de Cervexas Banda/Trisk-Ale dos irmáns Toledano, vellos amigos do grupo, dispoñerá no recinto de Gaifar dunha barra onde brillarán especialmente as súas marcas “Dakidarría” (creada no 2018, a primeira cervexa “temática” que realizaron) e “Nigrán, equilibrio natural” (xurdida no ano 2020 a petición do Concello).