
A Parranda de San Pedro conseguiu reunir un ano máis a centos de persoas na súa tradicional peregrinaxe desde A Ramallosa, en Nigrán, ata Morgadáns, en Gondomar, un percorrido duns 8 quilómetros que desde fai máis dun século realízase como mostra de fe a San Roque. Como cada 16 de agosto a comitiva partiu desde A Ramallosa, pasadas as 9:00 da mañá, os maiores camiñando e os nenos, as viandas e os músicos subidos a tres tractores e un camión debidamente engalanados con flores para a ocasión. En cada cruzamento da estrada, ademais de lanzar “bombas” que anuncian a súa chegada, máis multitude súmase á familia da Parranda.
Xa no centro de Gondomar, na Praza da Paradela, aos pés da Casa do Concello, tivo lugar o tradicional encontro coa banda de música, nesta ocasión a Unión Musical do Val Miñor, para enseguida continuar a marcha ata o torreiro de festas de San Roque, sempre acompañados da música verbeneira da Charanga OT e a animación e alegría dos camiñantes. Tras máis de dúas horas de percorrido, a Parranda chegou ao seu destino preto das 11:30 horas do mediodía. Despois de desfilar ata a Capela e rodeala como manda a tradición, nada mellor para repoñer forzas que unha empanada, para a continuación asistir á Misa Solemne e posterior procesión.
Unha vez finalizados os actos relixiosos chegou a comida, coa charanga e a diversión na Carballeira ata ben entrada a tarde, cando a Parranda recolle os seus bártulos e inicia a viaxe de volta cara a Nigrán. Na parroquia de Vilariño sinalan a un home chamado Dionisio como o fundador da parranda en 1917, personaxe do que descoñecen o apelido pero que, aseguran, tivo 40 fillos con diferentes viúvas pola Guerra Civil. Naqueles anos, a parranda estaba integrada por unha vintena de familias (sobre 100 persoas) nas que as mulleres levaban a comida en patelas na cabeza e os homes os garrafóns de viño, sempre acompañados por gaiteiros todo o camiño.