Sin categoría

Baiona inicia os traballos de impermeabilización da fachada traseira do CEIP Fontes-Baíña

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Educación, deu comezo aos traballos de impermeabilización da fachada traseira do CEIP Fontes-Baíña. O centro escolar vén sufrindo problemas de humidades e filtracións na fachada traseira do edificio por mor de tratarse da zona que soporta con maior fustrigación as choivas, polo que a intervención céntrase en repoñer os danos e protexer o centro fronte ás condicións climáticas adversas.

Para iso, procederase á apertura das gretas nos dinteis das xanelas afectadas e as unións das xuntas do ladrillo na parte superior das mesmas. Trátase dunha reparación de gretas e rexunte do morteiro do ladrillo caravista mediante a aplicación de morteiro sen retracción deixando a superficie completamente saneada. Así mesmo, procederase á aplicación dun produto hidrófugo a todo o pano do ladrillo caravista tratado.

En canto á zona de pintura, procederase tamén á reparación das gretas e fisuras mediante morteiro sen retracción. Sumado a isto, procederase á aplicación dunha man de imprimación para mellorar o agarre da pintura e aplicaranse dúas mans de pintura elástica en cor branca a todo o pano tratado, para finalizar as actuacións coa selaxe da carpintería de aluminio polo exterior.

Trátase duns traballos de impermeabilización moi importantes que poñerán fin a esta problemática reducindo a humidade nesta área do edificio. Esta mellora da edificación do colexio supón un investimento de fondos propios da Concellería de Educación de ao redor de 4.500 euros. A nova Concelleira de Educación, Nuria Leyenda Gómez, recentemente chegada ao cargo, reuniuse co equipo directivo do centro educativo para coñecer de primeira man as necesidades do colexio.

As obras que se están executando responden ás continuas demandas por parte da dirección do colexio e do seu consello escolar a esta problemática. O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Alumiña, indicou que “esta actuación, da que se beneficiarán os preto de 100 alumnas e alumnos matriculados neste centro, enmárcase na política de conservación e mantemento dos colexios públicos de propiedade municipal do novo equipo de goberno que xa está a poñer en marcha varias actuacións nos centros educativos de fronte ao comezo do novo curso escolar en setembro”.