Fernando León, Premio Nacional de Vela á mellor carreira deportiva

É, sen dúbida, un dos regatistas máis laureados na historia da vela española. Cunha dilatada traxectoria en vela olímpica e de cruceiro, Fernando León será galardoado este ano co Premio Nacional de Vela Terras Gauda á mellor carreira deportiva. “Sempre é unha satisfacción moi grande que che recoñezan a túa traxectoria, porque significa que nalgún lugar deixaches pegada e iso faime sentir moi contento”, declara León.

Aos seus 57 anos, o regatista canario recibirá no Monte Real Club de Yates de Baiona un dos prestixiosos galardóns o vindeiro sábado día 2 de setembro, que se enmarcan como cada ano dentro do Trofeo Príncipe de Asturias e que León quixo dedicar a todos aqueles que lle axudaron a crecer como regatista, ata chegar a acumular un palmarés cargado de títulos nacionais e internacionais.

“Creo que son moitas as persoas ás que dedicaría este premio”, explicaba o regatista nada máis coñecer a noticia. “Sobre todo a aquelas persoas que formaron parte da miña carreira deportiva, e algunhas que mesmo seguen aí e axudáronme a crecer como regatista, incluídos todos os rivais que tamén me ensinaron moito”.

Catro participacións nos Xogos Olímpicos -Seúl 88, Barcelona 92, Atlanta 96 e Sídney 2000-, dous diplomas olímpicos, a medalla de ouro en Atlanta 96, catro títulos mundiais, dezaoito campionatos de España e cinco títulos da Copa do Rei fanlle máis que merecedor dun premio que recoñece cada ano aos deportistas máis destacados do panorama nacional.

“Quero agradecer ao Monte Real que me deran este premio e tamén por todos os momentos moi bonitos e acolledores que vivín con eles; sempre fun moi ben recibido no club e por iso sempre estarei moi agradecido”, finaliza afirmado León.