Os baioneses Daniel Álvarez e Óscar Martínez revalidan o título de campións de España de bolo celta por parellas

Esta fin de semana xogáronse en Tineo e Cangas del Narcea (Asturias) os Campionatos de España de bolo celta, modalidade por parellas de primeira e segunda categoría. Os resultados finais foron os seguintes:

En primeira categoría proclamouse campioa de España a parella da comunidade de Madrid formada polos xogadores Gaspar Suárez e Jaime González. A subcampioa foi a asturiana formada polos irmáns Javier e Manuel “Lu” González. Terceira foi a galega do club de bolos Belesar Urgal formada por Adrián Rodríguez e Brais García. Ocupando o cuarto lugar a asturiana formada por Javier Pertierra e Daniel Rodríguez.

En segunda categoría a parella galega do club de bolos Baredo formada por Daniel Álvarez e Óscar Martínez revalidou o título proclamándose por segundo ano consecutivo campioa de España. Acompañouna no podio en segundo lugar a parella asturiana formada por Regino Velasco e Gregorio Fernández. En terceiro lugar a parella do club de bolos Santiago de Parada formada por Manuel Rouco e o seu fillo David. E por último en cuarto lugar a parella gondomareña do club bolos Sobreiro formada por Manuel Iglesias e Rubén Pérez.

A vindeira cita cos bolos será en Nigrán, os días 26 e 27 de agosto coa disputa do Campionato de España de equipos. Dende a Federación Galega felicitar en primeiro lugar aos gañadores de ambas categorías e a todos os participantes, pero en especial á parella de bolos Baredo.