Sin categoría

Concello de Nigrán e Centro Juan María promocionan o municipio a través da moda

Concello de Nigrán e CEE Juan María (Parada-Nigrán) volven unir forzas para promocionar o municipio a través da moda. Nesta ocasión, baixo o paraugas do proxecto “JuanMariaSenEtiquetas” do colexio de educación especial lanzan a colección “Paraíso Nigrán” e “Paseando Nigrán”. Camisetas, tote-bags de algodón e gorras compoñen esta primeira “fornada” personalizada para o municipio que por unha banda ten unha estética surfeira que evoca á praia de Patos (aparecen as siluetas de tres táboas) e, por outra, é máis neutra ao figurar só o lema “Paseando Nigrán”. Os artigos xa están á venda na caseta que o Concello lles cede cada ano no mercado multicultural de Praia América (luns e mércores de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas), na tenda que dispoñen no Centro Comercial Nasas de Porto do Molle ou tamén no propio colexio. Ademais, o Concello adquiriu un lote para empregar como agasallo institucional. “Esta moda inclusiva é un orgullo para o noso municipio porque representa ese ‘Nigrán para todos’ polo que apostamos desde o goberno, non podemos ter mellor produto promocional que este e estamos encantados de empregalo como agasallo institucional e de poder cederlle cada ano este punto de venda no paseo marítimo de Praia América”, destacou o alcalde, Juan González, durante a presentación da colección no propio lugar.

O ano pasado, o CEE Juan María a través do proxecto de formación dual “JuanMariaBylolola” realizou o primeiro encargo personalizado 100% para o Concello co topónimo “Nigrán” como protagonista. O éxito entre veciñanza e turistas foi tal que este ano repítese a experiencia con esta colección diferente. Detrás deste traballo está un grupo de alumnos con diversidade funcional do CEE Juan María, eles deciden e realizan desde o deseño ata a comercialización, incluíndo a venda directa e a atención ao público. “JuanMaríaByLolola e JuanMaríaSenEtiquetas cambioulles a vida a estes rapaces, eles se ocupan de todo, van solos cada día a atender a tenda de Nasas e o posto de Praia América, desde que a abren ata que a pechan están eles ao fronte, gañaron moitísima autonomía e seguridade”, explican desde este Centro no que cada día poñen en práctica o método de “aprender facendo”. “O día a día ensínanos a ver a vida cunha mirada diferente. Descubrimos que isto non vai de inclusión, isto vai de persoas que constrúen o seu futuro co seu esforzo. Isto vai de demostrar que querer é poder, que non hai nada que nos pare se seguimos adiante cada vez que caemos. Isto vai de persoas, de persoas únicas e especiais, como nos gusta a todos sentirnos”, resumen.