O Concello de Nigrán ofrece un verán máis o “cine na rúa” coa proxección este domingo 13 de agosto (Praza do Concello, 22:00 horas) de “Los Tipos Malos”, unha película estadounidense de animación. A seguinte cita será o martes 22 de agosto con “Padre no hay más que uno 3”. Ambas son longametraxes de 100 minutos pensadas nun público familiar e con entrada libre.
En “Los tipos malos” unha banda criminal de elite formada por todo tipo de animais foraxidos vaise poñer a proba co maior desafío da súa carreira profesional: converterse en cidadáns modelo. O filme está baseado na saga de libros ilustrados de Aaron Blabey publicada polo New York Times e foi nomeado á Mellor Longametraxe de Animación nos Satellite Awards e premio ao Mellor Deseño de Personaxes nos Premios Annie.
Pola súa banda, “Padre no hay más que uno 3” é unha película española dirixida por Santiago Segura. Achégase o Nadal e a familia enfróntase a novas e divertidas peripecias. Os nenos rompen accidentalmente unha figura do Belén da colección de seu pai e deben conseguir por todos os medios unha igual, o problema é que é unha peza única de anticuario.

