Sin categoría

O PP denuncia a “deplorable situación” de Porto do Molle tras o Reggaeton Beach Festival

O Partido Popular de Nigrán, a través da súa portavoz municipal María José Pino, denuncia a “lamentable situación de limpeza” na que se atopa a contorna do Polígono de Porto do Molle, onde a pasada fin de semana celebrouse a segunda edición do Reggaeton Beach Festival. Desde o grupo municipal popular laméntase o deplorable estado da zona, “na que a falta de control e limpeza posteriores ao evento deixou unha imaxe de xeito evidente indigna dun Concello que busca, como vén repetindo unha e outra vez o alcalde Juan González, ser un exemplo de Equilibrio natural”.

Pino considera especialmente alarmante a situación do paseo fluvial do río Muíños, que continúa tomado, tres días despois da finalización do festival, por todo tipo de restos de refugallos: restos de alimentos, bebidas alcohólicas, envases de todo tipo e mesmo pezas de roupa, moitas delas no propio leito do río. “Para máis inri, son numerosos os danos relativos ao mobiliario urbano do propio paseo, con bancos movidos da súa base e mesmo a varanda dunha das pontes do río arrincada totalmente. Todo o exposto pon de manifesto a total incompetencia por parte da corporación socialista do Concello de Nigrán á hora de planificar calquera tipo de evento de relativa importancia”.

Desde o grupo popular lembran que as noticias da venda de máis de 50.000 entradas para o festival levaban varias semanas saíndo nos medios de comunicación, polo que a gran afluencia de visitantes era ben coñecida polas autoridades municipais, “que foron incapaces de organizar operativos de seguridade e limpeza eficaces para evitar a situación hoxe denunciada”. “Lamentablemente para a imaxe do municipio, vén sendo norma habitual a total falta de previsión por parte da corporación socialista, non pasando nin dous meses desde que a nefasta xestión da noite de San Xoán provocase que Nigrán fose visto en xornais, redes sociais e informativos como unha especie de cidade sen lei, na que os visitantes poden esnaquizar patrimonio paisaxístico e mobiliario público ante a total inoperancia dos responsables municipais”.

Desde o Partido Popular de Nigrán esíxese a inmediata limpeza da contorna do polígono de Porto do Molle, así como a reparación dos danos provocados no mobiliario urbano. A maiores, e para a edición do ano que vén, demándase unha planificación radicalmente distinta á actual, reforzando a vixilancia na zona do evento e garantindo unha rápida recollida dos residuos posterior ao mesmo.