Sin categoría

Nigrán continúa co festival “Chandefolk” cunha observación nocturna de petróglifos

O Concello de Nigrán quenta motores para o gran concerto do Chandefolk (luns 14, con Susana Seivane) ofrecendo este xoves 11 de agosto ás 22:00 horas unha observación nocturna de petróglifos en Chandebrito guiada por Árbore Arqueoloxía (a andaina parte desde o Colexio Estudio ás 21:30 horas, non sendo preciso inscribirse previamente, tan só hai que presentarse no lugar e hora indicada cunha lanterna ou móbil con lanterna).

Esta actividade incorpórase por vez primeira ao “Chandefolk” co obxectivo de promover a riqueza patrimonial da parroquia, a que máis gravados presenta de todo o municipio. A ruta estará guiada precisamente por arqueólogos con gran coñecemento de Chandebrito ao ser os responsables das derradeiras escavacións no castro e da posta en valor dos seus petróglifos, sendo nocturna porque se poderán apreciar mellor grazas a darlle unha iluminación correcta.

No Chandefolk, que onte celebrou a súa tradicional observación das perseidas, colabora de xeito activo a Asociación de Veciños, Comisión de Festas e Comunidade de Montes da parroquia e, a maiores, o concerto de Seivane forma parte do programa Musigal da Deputación de Pontevedra de promoción e difusión de música galega. No recinto (carballeira de Chans de Rapadouro, ao carón do campo de fútbol) dispoñerase de barra de bebidas con chouripáns á venda.