Chega a Gondomar o Rilla na Rúa “Edición Novecento” con foodtrucks, markets, actividades infantís e música dos 80

O Concello de Gondomar e Elemental Street, empresa promotora de eventos, presentaron este martes o Rilla na Rúa “Edición Novecento”, catro días de propostas gastronómicas variadas e un programa cargado de actividades para todos os públicos. Da tarde do xoves 17 ao domingo 20 de agosto no Parque da Coelleira, o público poderá desfrutar de mercados de artesanía, actividades infantís, unha ampla oferta de foodtrucks e concertos cun fío condutor: a música dos anos 80. O evento deste ano rende unha pequena homenaxe á histórica discoteca Novecento, emblema da “movida” en Gondomar.

O Rilla na Rúa “Edición Novecento” comezará na tarde do xoves 17 e prolongarase ata a noite do domingo, 20 de agosto. Cun programa aínda por desvelar, haberá actividades para os máis pequenos e pequenas da casa o venres pola tarde e o sábado e domingo en horario de mañá e tarde (ás 12:30 e as 18:30 horas, respectivamente), markets de artesanía abertos desde as 12:00 horas, tamén foodtrucks para as quendas de comida e cena, e concertos cada día desde as 22:00 horas.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, destacou que “o Rilla na Rúa é un dos eventos familiares de máis éxito e estamos encantados de que faga parada en Gondomar. Invito a toda a cidadanía de Gondomar e da comarca a que se acheguen ata o Parque da coelleira, para gozar da mellor música, e da mellor gastronomía de rúa. Ademais queremos que esta edición do Rilla na Rúa sirva como homenaxe a un local, o Novecento, que marcou toda unha época e foi un referente en Gondomar e en toda a provincia”.