Sin categoría

Baiona estrea o renovado Paseo Pinzón

Veciños e visitantes de Baiona xa poden gozar do renovado Paseo Pinzón tras un investimento de 1.280.973,05 euros. O proxecto, de Manuel Portolés, foi cofinanciado xunto coa Deputación de Pontevedra, que achegou o 48% do investimento ao amparo do convenio acordado dentro do Plan ReacPon, mentres que o 52% restante correu a cargo do Remanente de Tesourería do Concello de Baiona.

Trátase dunha zona peonil de algo máis de 6.000 metros cadrados que sufría o afundimento do terreo, tras máis de corenta anos de actuación desde o mar sen mantemento. A transformación foi total e a solución levouse a cabo segundo o estudo xeotécnico e topográfico realizado na zona para modernizar unha das áreas recreativas máis concorridas da vila, especialmente nos días de marea para observar as ondas.

Con esta actuación neste espazo central de Baiona, dotouse á contorna cunha continuidade visual e funcional entre o propio paseo e o Parque da Palma que mellora as condicións deste espazo urbano para o tránsito peonil. Deste xeito, elimináronse as oclusións visuais e os elementos de urbanización innecesarios, cunha área de preferencia peonil, continua e compacta.

O proxecto incluíu a mellora do firme, dando continuidade ao pavimento de pedra da zona e eliminando as baldosas superficiais para substituílas por formigón puído. Así mesmo instalouse nova iluminación pública eficiente e novo mobiliario urbano e sinalización. Tamén se aumentaron os espazos axardinados e arranxáronse as escaleiras de acceso ao litoral e o muro de contención, ademais da instalación dunha rede de rega e de drenaxe e un novo sistema de recollida de pluviais.