Sin categoría

Baiona celebra as Festas da Anunciada con Rosario Flores, Ana Guerra e El Arrebato

Baiona celebra esta fin de semana as súas festas patronais na honra da Virxe da Anunciada. O venres 4 de agosto o programa comezará ás 11:00 da mañá co lanzamento de salvas. Ás 20:00 horas a compañía Pistacatro ofrecerá o seu espectáculo de circo e danza “Up2Down” na Praza do Concello, a través do programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia. Xa pola noite, a partir das 21:30 horas, Tonichi & Pacheco e, desde as 23:00 horas, Rosario Flores, amenizarán a festa no Parque da Palma.

O sábado 5 de agosto a programación arrancará ás 11:30 co pasarrúas dos Xigantes e Cabezudos acompañados pola Asociación Cultural “A Seneira” de Baiona. Ás 20:00 horas celebrarase na Igrexa de Santa María de Baiona a Misa Solemne na honra da Virxe da Anunciada cantada polo Coro de Homes “Voces Baionesas”. A continuación, terá lugar a procesión polas rúas da vila acompañada pola Banda de Música de Baiona e coa actuación da tradicional Danza das Espadas na Praza de Santa Liberata. Ás 22:30 horas comezará o concerto de La Franga no Parque da Palma. A media noite, terá lugar a gran tirada de fogos de lucería desde a Praia Ribeira a cargo da pirotecnia Argimiro Alborés, que dará paso ao concerto de Ana Guerra ás 00:20 horas no Parque da Palma.

O pasarrúas dos Xigantes e Cabezudos acompañados pola charanga Nova Cubana abrirá de novo ás 11:30 horas a xornada do domingo día 6. Ás 12:00 horas, a Asociación Folclórica “Vila de Baiona” e a Asociación Cultural “A Seneira” de Baiona ofrecerán un pasarrúas desde o porto pesqueiro ata o Parque da Palma, onde actuarán a partir das 13:00 horas. A continuación, ás 13:30, realizarase a homenaxe a un dos antigos membros da Danza das Espadas, que volverá actuar despois da entrega dunha placa conmemorativa ao homenaxeado. Ás 17:00 horas celebraranse as tradicionais Cucañas Marítimas no porto pesqueiro. Ás 21:30 horas, o Parque da Palma acollerá o concerto de La Patrulla, que dará paso ás 23:00 horas á actuación de El Arrebato.

O luns 7 de agosto ás 11:00 da mañá celebrarase unha Misa de San Telmo polos mariñeiros falecidos na Igrexa de Santa María de Baiona. Finalmente, de 20:00 a 22:00 horas a Praza do Concello acollerá unha Festa Infantil con música e xogos.