Sin categoría

O PP reclama unha solución urxente ao problema de tráfico creado tras a apertura do novo leiraparking

O Partido Popular de Nigrán, a través da súa portavoz municipal María José Pino, reclama que a corporación socialista do Concello de Nigrán solucione o problema de tráfico creado nas rúas Alcalde Manuel Alonso e Vilameán, froito da apertura do novo “leiraparking” público, situado nesta última.

Desde o grupo municipal de Nigrán xa se denunciou o ocultismo e a improvisación coa que desde o Concello se levou a cabo o peche do antigo aparcadoiro, do cal os propietarios renunciaron a prorrogar o contrato de alugueiro ante os continuos incumprimentos por parte da corporación socialista. “A pesar de coñecer esta situación hai meses, o goberno municipal volveu mostrar a súa total incompetencia á hora de planificar unha alternativa de aparcamento, tendo que arrombar a marchas forzadas un terreo de titularidade pública situado na Rúa Vilameán, que foi aberto ao público nun estado deficiente e cun número de prazas de aparcamento moi inferior ao aparcadoiro precedente”, critican os populares.

“Aínda por riba, a apertura improvisada deste novo leiraparking realizouse sen o procedente informe da Policía Local, polo que a apertura tivo lugar sen ter en conta os efectos que esta podería ter sobre o tráfico e mobilidade da zona, que finalmente foron nefastos. Debido á unidireccionalidade da Rúa Vilameán desde a súa saída a Estrada Pola Vía, os condutores estacionados no novo leiraparking vénse obrigados a tomar a saída cara ao cruzamento coa Avenida Val Miñor e a Rúa Alcalde Manuel Alonso, o que provoca un tapón á altura do semáforo do devandito cruzamento, sendo norma habitual ver longas fileiras de vehículos nas citadas vías durante os días laborables”, apuntan desde o PP.

O grupo municipal popular esixe que desde a corporación socialista solicítese á Policía Local o correspondente informe e propóñanse solucións ao problema, por exemplo o establecemento dun dobre sentido de circulación na Rúa Vilameán, no tramo que comprende desde o “leiraparking” á saída a Estrada Pola Vía. Pino lembra que este é un problema causado, única e exclusivamente, “pola propia incompetencia dun goberno municipal que vive de grandes titulares e festexos, pero que á hora de xestionar mostrou unha manifesta incapacidade”.