Sin categoría

Chegan as Noites de Cea con La La Love You e Miguel Costas como pratos fortes

O Pazo de Cea, en Nigrán, organiza esta fin de semana o Festival Noites de Cea. Como xa é habitual, desde 2016, serán dúas grandes noites de concertos, gastronomía e diversión, un referente no verán de todo o sur da provincia de Pontevedra. Dous escenarios e o formato Festival máis avanzado, incorporando as pulseiras cashless para axilizar os accesos e as barras.

Este ano La La Love You e Miguel Costas serán as bandas con maior tirón. La La Love You son un dos grandes fenómenos musicais dos últimos anos no noso país. En outubro de 2020, lograron alzarse co Premio MTV EMA a Mellor Artista Español, en marzo de 2021 resultaron galardoados como Artista Revelación nos Premios Odeón e en 2022 recibiron o Cuádruplo Disco de Platino pola súa canción “El Fin del Mundo”, que está a piques de chegar aos 100 millóns de reproducións en Spotify e leva tres anos sen baixarse de listas. Durante ese ano arrasan nos principais festivais. Miguel Costas, membro fundador e ex vocalista e guitarrista de Siniestro Total (1981), Aerolíneas Federales (1981) e Los Feliz (1994), bandas coas que gravou un total de 22 álbums. Escribiu máis de 300 cancións e colaborado con infinidade de bandas de todo o mundo. Está nos escenarios desde 1981, virando por toda España e Latinoamérica.

O xoves 3 de agosto acompañan a La La Love You outras grandes bandas. La Chata Soul, é un grupo formado en Vigo no 2016, pero con alma internacional, blues, soul, funky, rhythm ‘n’ blues, trasladando no seu directo este sentimento ao público. The Soulers é unha banda asturiana con moitas referencias aos 50 e primeiros 60: algo de jazz e swing, doo-wop, pop primixenio, un pouco de R&B e soul… Unha gozada, vaia. Somoza Trío é unha banda creada coa intención de entreter a través de versións dos mellores clásicos do pop, soul, reggae, funk e blues dos 80 e 90 e con algunha pincelada de temas máis actuais.

O venres 4 de agosto, Miguel Costas estará acompañado pola banda madrileña No More Bullshit, músicos unidos por unha paixón, cada un deles participa en proxectos musicais diversos, pero únense nesta banda, creada en Londres nos anos 90, un percorrido pola historia do rock and roll, soul e rhythm and blues. Brais Moran&Nasaufunk, con máis de 20 anos de traxectoria profesional, ofrecen un espectáculo disco funk que inclúe temas inéditos e repasa clásicos de etapas anteriores. Un repertorio de soul, rock, ritmos afrobrasileiros e música tradicional galega. The Bigüis Interpretan versións de temas de rock clásico e alternativos. Desde os icónicos Beatles ata o gran Franz Ferdinand, pasando tamén por un pouco de música pop. É a conxunción perfecta de humor, bo rolo e, sobre todo, moito rock and roll.

As entradas están á venda na web do Pazo de Cea. A apertura de portas será ás 18:00 horas.