Sin categoría

Gondomar clausura o campamento municipal de verán “Gondoverán”

O alcalde Paco Ferreira, acompañado da tenente de alcalde Nuria Lameiro, participou este luns na clausura do “Gondoverán”, para saudar aos 70 nenas e nenos de entre 3 e 12 anos participantes que ademais tiñan preparada unha coreografía especial para esta ocasión. O rexedor destacou a importancia deste tipo de campamentos “para facilitar a conciliación das familias no período de vacacións escolares, e tamén para que as nenas e nenos poidan seguir co seu proceso educativo e de socialización nunha contorna de lecer”. O alcalde aproveitou tamén a ocasión para felicitar aos monitores “pola súa magnífico labor, recoñecido polos propios nenos e nenas participantes así como polos pais e nais, e a mellor demostración é que moitos deles repiten ano tras ano”.

“Gondoverán” é un programa de lecer e tempo libre preferentemente para fillos e fillas de familias traballadoras, co obxectivo de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante o mes de xullo, ao tempo que se potencia o desenvolvemento integral do neno/a a través dunha programación que combina o xogo con actividades creativas, culturais e coñecemento da contorna próxima, dende unha pedagoxía do lecer baseada na educación en igualdade e hábitos saudables, xestionado pola Concellería de Igualdade a través do Centro de Información á Muller.

Ademais de diferentes actividades educativas e de lecer as rapazas e rapaces participantes fixeron varias saídas e excursións. Así visitaron, entre outros lugares, Chan da Lagoa, onde pasaron toda a mañá, fixeron actividades e xogos de auga, traballaron o medio ambiente, a igualdade, resolución de conflitos, alimentación saudable e realizaron tamén unha pernoita.