Os Bolechas Deportistas viaxan a Baiona na súa xira de verán

Os Bolechas continúan coa súa xira de verán “Os Bolechas Deportistas xogan no tempo” no concello de Baiona. É a segunda edición desta iniciativa, durante a cal visitan quince concellos galegos co principal obxectivo de fomentar o uso da lingua galega no deporte e os hábitos de vida saudables entre os máis cativos. A actividade será mañá, martes 1 de agosto, ás 22:30 horas na Praza do Concello.

Os Bolechas comezaron a súa andaina por toda a xeografía galega coas súas aventuras para ensinar as vantaxes de practicar deporte e levar unha vida activa. Nesta nova odisea, os irmáns viaxan nunha caravana itinerante co seu avó, quen está moi contento por esta excursión cos seus netos. Para non aburrirse e pasalo ben, Braulio decide construír unha máquina coa que practicarán os deportes do pasado, presente e futuro. Esta iniciativa enmárcase dentro do FalaRedes, un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

A través dun teatro de monicreques e outras actividades complementarias a pé de rúa como sorteos de libros, a iniciativa pretende espallar a sabedoría e as ganas de pasalo ben que acompañan á familia, así como fomentar o uso da lingua galega no ámbito deportivo. Os Bolechas Deportistas contribúen a fomentar o idioma galego e a importancia de exercitarse entre as nenas e nenos para levar unha vida activa.

Na web http://www.osbolechasdeportistas.com os cativos poderán descargar unha unidade didáctica sobre deporte, ficheiros para colorear, pasatempos como encrucillados e sopas de letras; así como dous test de avaliación, un máis doado e outro difícil, para poñer a proba os seus coñecementos sobre deporte. Tras pasar o exame, os que o desexen, poderán descargar un diploma que acredita a súa condición de deportistas avanzados.

Desde que comezaron a publicarse no ano 2000 Os Bolechas convertéronse nun auténtico fenómeno. Con máis de 600 títulos publicados e máis de 1.800.000 exemplares distribuídos, teñen unha verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos, que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa.
Este seguimento masivo e continuo durante máis de 22 anos permitiu a toda unha xeración de galegas e galegos achegarse á cultura e á literatura en lingua galega desde os primeiros anos de vida -posto que os Bolechas usan sempre o galego na súa versión orixinal-, o que supuxo un importante papel na promoción e difusión do idioma. Tanto é así que moitos nenos teñen na casa -e sobre todo no colexio- o seu primeiro e máis intenso contacto co galego a través das súas aventuras, todas elas cun destacado contido didáctico e pedagóxico, que contribúe á formación dos escolares de educación infantil e de primaria de Galicia mediante o pracer e o divertimento.