O Concello de Nigrán, a través de Cultura no Camiño, ofrece este martes 1 de agosto ás 20:00 horas no escenario ao aire libre de A Foz do Miñor o espectáculo “Glamping” da compañía de novo circo Su.Ma, dirixido a todas as idades.
Tres amigos, tres personalidades, tres caracteres moi distintos embárcanse na aventura de pasar unhas vacacións xuntos. Pero a convivencia non sempre é cousa fácil. E os conflitos toman parte na escena cotiá dos campistas. Superarán os nosos personaxes o reto de compartir un espazo común con elegancia?, Que pasa cando se torcen as cousas?, “O rozamento fai o agarimo”, din…
Glamping é un espectáculo sobre as relacións humanas, onde calquera podería ser ese personaxe en tensión, buscando a mellor maneira de resolver a situación. Teatro xestual, música, acrobacia aérea, danza e swing en clave de clown. Cando parece que todo está perdido… a creatividade xorde abrindo un camiño inesperado.

