A proba carballiñesa, o Rallye Pazo Tizón, supuxo a sétima cita para o equipo AMF Motorsport e a sexta do ano dentro do Campionato Galego de Rallyes, onde a dupla formada por Alberto Meira e Avelino Martínez partía como principal favorita para facerse co triunfo.
A pesar do scratch no tramo urbano do venres, Meira víase sorprendido polo seu rival na primeira especial do sábado, un feito que non lle fixo amedrentarse, logrando os mellores cronos nos seguintes tramos para estender o seu liderado á fronte do rallye.
Encarando a segunda metade da proba con 20 segundos de vantaxe, Meira soubo manter as distancias en todo momento, e a súa posición foi moito máis pracenteira para a última especial despois da picada do seu principal rival en Leiro, que lle deixaba con máis de dous minutos de renda á fronte da proba.
Así, o equipo AMF Motorsport lograba a súa primeira vitoria absoluta do ano, e a sexta (de seis posibles) na Copa Top Ten Pirelli A e o Supercampionato Galego R5, o que significa que alcanzaron o máximo de puntos posibles e por tanto son matematicamente campións de ambos os dous certames.
Meira resumía así á súa chegada ao parque pechado unha das mellores actuacións da tempada: “Estamos moi contentos porque foi un rallye moi difícil, con tempo cambiante, choiva pola mañá e sol pola tarde, acertando coa monta de pneumáticos. Hai que felicitar aos nosos acompañantes no podio e estamos moi contentos por sentenciar o título na Copa Top Ten e o Supercampionato. Agora toca centrarse no campionato absoluto, aínda que está moi difícil, pero non deixaremos de tentalo. Quero dar as grazas a todo o equipo, os patrocinadores e a Avelino polo seu gran traballo no asento da dereita”.
A próxima proba para o equipo AMF Motorsport será en setembro co Rallye Ribeira Sacra, oitava cita do ano no Galego despois de descartar a súa participación en Ferrol.

