Sin categoría

A Xunta mellora a coordinación dos servizos de autobús para facilitar os desprazamentos entre Ponteareas e Praia América

A Xunta mellorará desde este martes, 1 de agosto, a coordinación dos servizos de autobús para facilitar durante este mes de verán os desprazamentos entre Ponteareas e Praia América, en Nigrán. A viaxe entre Ponteareas e este areal realízase a través dun enlace no Porriño coa liña directa que funciona de luns a domingo nos meses de xullo e agosto ata Praia América, cunha duración de só 30 minutos. Os enlaces dispoñibles ofrecen un servizo de ida e outro de volta todos os días da semana durante o verán. Para ofrecer tempos de enlace reducidos aos usuarios de Ponteareas na viaxe de regreso, a Xunta axusta entre 10 e 15 minutos a saída desde Vigo das expedicións que teñen horarios de paso polo Porriño próximos aos da liña directa. Con estas melloras optimízase a coordinación co servizo de volta que sae do areal de Nigrán ás 20:30 horas, de xeito que o enlace cara a Ponteareas será entre as 21:08 horas e 21:18 horas.

Para a ida, de luns a venres, os cidadáns de Ponteareas poden empregar o servizo que ten hora de paso pola estación de autobuses cara ao Porriño ás 13:45 horas e os sábados, domingos e festivos, ás 14:20 horas. No Porriño realízase o enlace cara ao autobús que sae ás 15:00 horas da parada da avenida de Galicia ata Praia América. A mellora da coordinación destes servizos incide na aposta da Xunta por facilitar os desprazamentos á praia en transporte público durante o verán, como principal alternativa ao vehículo particular, evitando a saturación de tráfico e as emisións contaminantes nos desprazamentos aos areais. Desde a súa activación, a mediados de xullo de 2022, a liña directa do Porriño a Praia América tivo unha boa acollida social. Así o pasado mes de agosto, o primeiro mes completo de funcionamento, rexistrou máis de 900 usuarios.

Nestes servizos, como en todos os autobuses da Xunta, os menores de 21 anos poden viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova. Preto de 200 menores de 21 anos de Ponteareas e case 1.200 do Porriño xa dispoñen da súa tarxeta Xente Nova. Tamén o resto de usuarios do transporte público da Xunta poden beneficiarse dos descontos da tarxeta TMG. Os horarios dos autobuses da Xunta e toda a información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web http://www.bus.gal.