O Nigranjazz abre este venres a edición máis xuvenil da súa historia

O Concello de Nigrán abre este venres no esteiro de A Foz a edición máis xuvenil da Historia do Nigranjazz descontando a presencia o sábado do célebre guitarrista estadounidense Steve Cardenas, profesor da mítica New School de New York e quen ofrecerá tamén unha master-class gratuíta no Auditorio Municipal (inscrición previa en Mayeus, teléfono 986226378).

Como cada ano, o festival conta co apoio da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan Concellos e disporá de mochilas vibratorias para toda aquela persoa xorda que o solicite previamente no mail info@entresignos.com ou no whatsapp 690679675. A marca nigranesa de Cervexas Banda patrocina novamente o evento e no recinto os asistentes poderán gozar das food-trucks de Capitán Filloa, La Vanetta Vegan Food e bocatería Lalo’s.

“Este ano destaca a mocidade dos músicos, moitos deles galegos que se están a formar en Holanda ou Suíza e, que, á súa vez, teñen contacto alí con outros artistas europeos. A través deles, os mellores da súa xeración, os asistentes poderán constatar que o futuro do jazz mundial está en moi boas mans”, destaca Felipe Villar, director do festival e quen desde o principio apostou por mesturar nas formacións do Nigranjazz a músicos internacionais con locais. Deste xeito, unha das xoias desta edición será poder ver o sábado 29 ao guitarrista de Kansas Steve Cardenas (especialista mundial en Thelonious Monk) nunha formación creada ex-profeso para o festival co catalán Simón Osuna ao contrabaixo e do galego David Puime á batería, ambos tamén mozos que non chegan á trintena.

O pianista vigués Suníl López abrirá o festival este venres 28 con Joan Codina ao contrabaixo e Genius Wesley á batería, seguido do guitarrista italiano Simone Basile co seu quinteto (Manuel Caliumi ao saxo, Enzo Carniel ao piano, Ferdinando Romano ao baixo e Giovanni Paolo Liguori á batería). O sábado 29 será o turno do trío do saxofonista Miguel Seoane (Mauro Cottone ao contrabaixo e Giacomo Camilletti á batería) e a continuación, o concerto estelar de Steve Cardenas. Como é habitual, tras cada xornada haberá jam-session no mesmo recinto (o venres a abre o cuarteto do trompetista Gabriel Saitto e o sábado o do guitarrista Martín Verde).