Vitoria para o Aceites Abril na etapa Raíña ao Carrumeiro do 48º Conde de Gondomar

O Aceites Abril do Real Club Náutico de Vigo, liderado polos irmáns Luis e Jorge Pérez-Canal, foi o vencedor da etapa Raíña ao Carrumeiro Chico nesta cuadraxésimo oitava edición do Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia / Sabadell Urquijo.

A tripulación viguesa empregou 12 horas, 38 minutos e 36 segundos en cubrir as case cen millas de percorrido desde a saída de Baiona ata o paso por Corcubión e con volta ata as Illas Cíes, onde estaba situada a liña de chegada. Foron os mellores da etapa Raíña, non só en tempo real senón tamén en compensado.

“Este ano foi espectacular”, comezaba explicando Luis Pérez-Canal á súa chegada aos pantaláns do Monte Real. “Saímos de Baiona con vento do noroeste e fomos ata arriba con intensidades de ata 23 nós. A subida foi espectacular e a volta tamén foi incrible. Fixemos unha media de dez nós baixando, co cal nos puxemos aquí en catro horas e media desde o Carrumeiro”.

Por detrás, o segundo equipo en completar a etapa foi o Magical de Julio Rodríguez, que navega tamén baixo a grímpola do club vigués. Os de Rodríguez alcanzaron a liña de chegada unha hora e nove minutos despois do Aceites Abril, preto xa da unha da madrugada do domingo.

Este resultado situou aos de Rodríguez no segundo caixón da xeral, mentres que a terceira posición adxudicoulla o Elekomambo de Carlos Sampedro (CN Cabanas), que cruzou a liña de chegada pasadas as cinco da mañá e tras unha noite na que o vento foi diminuíndo co paso das horas.

Ademais da categoría ORC, a frota do Trofeo Conde de Gondomar tamén se divide nas clases Extra A e B, pensadas para abrir o gran reto do Carrumeiro a un número maior de equipos e non só ás grandes esloras de alta competición. Así, na división Extra A foi o Elekomambo o que logrou o mellor resultado e en Extra B o triunfo levoullo o Unus de René García (MRCYB), que rexistrou un tempo investido de 17 horas e 27 minutos.

Coas dúas primeiras probas da edición completadas -a subida ao Carrumeiro, que decidiu aos gañadores do Trofeo Carrumeiro Chico, e a regata costeira do sábado para o resto da frota- o 48º Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia / Sabadell Urquijo ten aínda por diante a tradicional Volta a Ons, programada para o luns a partir das once da mañá, e os dous percorridos barlovento-sotavento do martes.