O Liceo Marítimo de Baiona celebrou este sábado o seu 150 Aniversario. Anteriormente denominado Casino Recreativo foi fundado o 20 de xullo de 1873, tendo a súa primeira sede na Casa de Correa, polo que se pode dicir que é a asociación laica máis antiga de Baiona, mesmo de Galicia. Tivo un papel importante na sociedade baionesa e en diversos acontecementos ao longo da súa historia. Algún exemplo diso é que en 1910, con motivo da colocación da primeira pedra do monumento á Virxe da Rocha, nas súas instalacións celebrouse o xantar oficial das autoridades asistentes e que en 1925 acolleu a condecoración a dous mariñeiros, polo Cónsul de Noruega en Vigo, polo salvamento dos náufragos do cargueiro “The Skogland”.
Durante moitos anos foi centro dinamizador da vida social dos baioneses e veraneantes. Os xogos de mesa, que son fonte de moitas anécdotas, os Entroidos, as verbenas de verán e outras actividades que seguen estando no recordo. Ao longo da súa historia o Liceo tivo varios emprazamentos desde a súa primeira sede na Casa de Correa. Pasou por varios locais na rúa de Elduayen, Alférez Barreiro e Avenida de Monterreal, para no ano 1985, baixo a presidencia de Francisco Hernández Parra, facerse coa propiedade do actual edificio, antes chamado “Villa Maruxa”, na que o Liceo xa posuía unha leira anexa, onde xa se celebraban as verbenas. Foi completamente remodelado no ano 2004, quedando nas condicións que se poden gozar agora.
As súas actividades, aínda que se levan a cabo durante todo o ano, intensifícanse no verán. Nuns días gozarán da súa sardiñada entre socios, o 27 comezará o ciclo de conferencias “Encontros no Liceo” organizado polo socio Carlos de la Peña, e unha exposición no salón do Liceo, que este ano acolle “Dos miradas Al Arte”, que quedou xa inaugurada no acto deste sábado, de Claudio Vasconcellos “Caino” e Carlos Padín, que ademais elaborou o logotipo do 150 Aniversario. “Ser unha entidade de 150 anos non é unha cuestión sen importancia, polo cal síntome orgullosa de ter a honra de representalo contando con esta Xunta Directiva que me acompaña e o apoio dos socios, sen o cal non sería posible chegar a este momento”, destacou a actual presidenta, Laura Míguez. “Somos unha entidade viva, cunha gran tarefa por diante, que é seguir mantendo este legado para xeracións futuras. Por iso, nos últimos anos iniciamos unha transformación, abrindo á sociedade as nosas instalacións e a nosa cafetería, que se converteu en centro de reunión de moitos mozos”.
“A organización de actividades e eventos, algúns exclusivos para os nosos socios e outros abertos ao público en xeral, é unha visión diferente, pero que consideramos necesaria para garantir o futuro da nosa entidade, así como a colaboración con outras entidades, ás que cedemos as nosas instalacións eventualmente ou co grupo Baiona Bay, que ten aquí o seu lugar de ensaio”, engadiu a presidenta. “Pero sen dúbida, o máis importante son os nosos socios, sen os cales nada sería posible, aos que lles pido colaboración para facer crecer a nosa Asociación, achegando novos socios, que son a garantía de que haberá un futuro para o Liceo”, concluíu Míguez. A actual Xunta Directiva está composta por José Antonio Durán, Marina Iglesias, José Luis Méndez, Óscar Martínez, Eulalia Blach, José Luis Álvarez e Raúl Soto, que remata o seu mandato de catro anos e será renovada en próxima Asemblea.
Pola súa banda, Jose Ángel Bahamonde, Tenente de Alcalde de Baiona, destacou que o Liceo Marítimo “formou unha parte fundamental da historia contemporánea da Vila, formando tamén parte da vida social de moitos baioneses, que pasaron por esta institución ao longo do seu século e medio de vida”. “Agradecer a todos os presentes e a todos os equipos directivos, polo seu esforzo, traballo e tesón por manter vivo este Liceo Marítimo ao longo dos seus 150 anos de actividade, e animarlles a seguir traballando pola cultura e o lecer de todos os baioneses”. O Concello de Baiona entregará proximamente ao Liceo Marítimo a Medalla de Ouro, aprobada pola Comisión de Honras e Distincións o pasado mes de abril. O acto, que estivo amenizado polo grupo musical “Barbacana”, finalizou cunha merenda na terraza.

