O Trofeo Conde de Gondomar inaugura os marcadores da súa cuadraxésimo oitava edición

Gran primeira xornada do Trofeo Conde de Gondomar, proba que pon en xogo o Gran Premio Zelnova Zeltia / Sabadell Urquijo baixo a organización do Monte Real Club de Yates e que este sábado estreou a súa cuadraxésimo oitava edición para os máis de cincuenta barcos participantes. A etapa Raíña ao Carrumeiro Chico, que aínda está en marcha, e a primeira regata costeira para o resto de participantes en ORC, J80 e Fígaros, foron as dúas probas encargadas de inaugurar unha das regatas con máis tradición do panorama náutico español.

Tal e como estaba previsto, ás once da mañá o Comité de Regatas deu o primeiro bocinazo de saída da cuadraxésimo oitava edición do Conde de Gondomar. Fíxoo nas inmediacións do Monte Real para a frota de ORC e ORC Extra que afrontaba o reto das case cen millas de percorrido de ida e volta entre Baiona e a rocha de Corcubión.

Cun vento de compoñente noroeste que xa sopraba cuns quince nós de intensidade á altura das illas Cíes, o Aceites Abril dos irmáns Pérez-Canal colocouse na cabeza desde o inicio do percorrido seguido moi de preto do Magical de Julio Rodríguez, aínda que a medida que foi avanzando a xornada o Aceites Abril foi collendo vantaxe nunha dura subida cara ao Carrumeiro con ventos que chegaron a superar os 25 nós á altura da illa de Sálvora.

O equipo dos irmáns Pérez-Canal foi o primeiro en virar a rocha de Corcubión ás 19:15:13, oito horas e cuarto despois da saída na baía de Baiona e todo apunta a que a proba se prolongará ata entrada a madrugada.

Pola súa banda, o resto da frota de ORC e os monotipos J80 que se xogan o Trofeo Conde de Gondomar Erizana tamén estrearon este sábado os seus marcadores coa disputa dunha regata costeira que arrancou ás dúas da tarde. Cunhas condicións de vento forte -máis de quince nós de intensidade durante toda a xornada- e onda, o Salseiro de Manuel Blanco (RCN Coruña) foi o máis rápido en completar a volta a Cíes, cruzando a liña de chegada en Baiona dúas horas e corenta e seis minutos despois da saída.

Os de Blanco foron os primeiros en tempo real, pero coa compensación de tempos a vitoria parcial na división ORC 0-3 adxudicoulla o Ojo Piojo de Manuel Martins (We do Sailing) cunha vantaxe de case dous minutos sobre La Burla Negra de Juan José Martínez (CN Castrelo), que ocupa polo momento o segundo caixón provisional. O terceiro posto, pola súa banda, levoullo este sábado o Deep Blue 2.1 de Vicente Cid (RCN Vigo).

En ORC 4-5 a primeira vitoria do Conde de Gondomar levoulla este sábado o Nahela de Víctor Manuel Álvarez (CN Alagua), que logrou unha distancia de máis de tres minutos coa compensación de tempos sobre o Bonaventure de José Luis Ríos (RCN Vigo), que marcha segundo. Por detrás, pecha o podio provisional o Esquio de Alejandro Castro (LM Bouzas).

En J80, vitoria clara para o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro. O barco do Monte Real non deu opción aos seus rivais e gañou a costeira con total autoridade, logrando unha ampla vantaxe sobre o segundo clasificado e colocándose como primeiro líder dos monotipos. Por detrás, o segundo caixón ocúpao por agora o Solventis Ribadeo de Roberto Bermúdez de Castro e terceiro é o Bica de Chisco Catalán, ambos tamén competindo baixo a grímpola do club baionés.

En canto á clase Fígaro, o primeiro clasificado da xeral é o Bouvento de Javier Bernárdez, mentres que o Silleiro de Ángel Rodríguez e o Serralleiras de María Casal ocupan a segunda e terceira posición respectivamente.

Cando finalice a etapa do Carrumeiro Chico e coa primeira regata costeira puntuable para o Trofeo Erizana xa completada, ao Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia / Sabadell Urquijo aínda quedaranlle tres probas por diante.

Será o luns cando a frota retome a competición para disputar a mítica Volta a Ons a partir das once da mañá. Pola tarde, unha vez finalice a regata, terá lugar a tradicional cea mariñeira para regatistas e o esperado monólogo de Carlos Blanco, que terá como obxectivo recadar fondos para a Fundación Igual Arte.