Sin categoría

Baiona dá a coñecer a programación completa das festas patronais da Anunciada

A Concellería de Festexos do Concello de Baiona dá a coñecer a programación completa das Festas Patronais na Honra da Virxe da Anunciada 2023. Desde o venres 4 ata o luns 7 de agosto de 2023, poderase gozar en Baiona da súa festa máis emblemática, na que a vila se engalana para honrar á patroa de todos os baioneses. Multitude de actividades relixiosas, culturais, deportivas e lúdicas que farán as delicias dos veciños, visitantes e turistas que se pasen pola Real Vila durante eses días. Espectáculos de circo e danza, os pasarrúas dos tradicionais Xigantes e Cabezudos actuarán acompañados da Asociación Cultural A Seneira o sábado 5 e a Charanga Nova Cubana o domingo 6.

Para o sábado 5 de agosto, ás 20:00 horas, na Igrexa Parroquial de Santa María de Baiona, terá lugar a Misa Solemne cantada polo Coro de Homes Voces Baionesas e acto seguido sairá a procesión acompañada da Banda de Música de Baiona e a actuación da tradicional Danza das Espadas na Praza de Santa Liberata. O domingo 6, o Parque da Palma acollerá a actuación da Asociación Folclórica Vila de Baiona, a Charanga Nova Cubana e a Danza das Espadas, onde se homenaxeará a un dos compoñentes. Pola tarde, celebrarase o tradicional concurso de cucañas marítimas para o desfrute dos máis atrevidos e intrépidos.

Entre os artistas de recoñecido prestixio que tocarán no Parque da Palma están o venres 4 de agosto como teloneiros Tonichi&Pacheco ás 21:30 horas e ás 23:00 horas está previsto que suba ao escenario Rosario Flores coa súa banda, facendo un repaso polos seus grandes éxitos e singles máis coñecidos internacionalmente. Para o sábado actuarán como teloneiros La Franga para dar paso acto seguido ao disparo dos lumes de lucería a cargo da pirotecnia Argimiro Alborés, ás 00:00 horas, desde a Praia Ribeira. Entrada a madrugada, actuará ás 00:20 horas Ana Guerra co seu espectáculo “Si me Quisieras Tour 2023”, pechando as actuacións do sábado. Xa para o domingo, actuará como teloneiro o grupo baionés La Patrulla ás 21:30 horas e acto seguido, sobre as 23:00 horas, entrará en escena o grupo sevillano El Arrebato co seu pop máis fresco e actual.

Pechará o programa de festas, o luns 7 de agosto, a Misa Solemne na honra de San Telmo na Igrexa Parroquial de Baiona ás 11:00 da mañá polos mariñeiros falecidos e xa pola tarde, na Praza do Concello ás 20:00 horas, os máis pequenos da casa poderán gozar dunha festa infantil con música e xogos.