O alcalde de Baiona reúnese con responsables da empresa Lugove

No día de onte o alcalde de Baiona e o xefe da Policía Local reuníronse cos responsables da empresa Lugove, concesionaria do transporte regular de pasaxeiros ente Baiona e Vigo, Jose Luis Romillo, Director Xeral do Grupo Vectalia, e Alberto Dorado, Xefe de operacións de Lugove. Na reunión revisáronse os problemas que xurdiran desde o inicio de actividade, destacando que, actualmente, entre as dúas cidades hai ata 40 servizos ao día.

Desde o Concello de Baiona van canalizar todas as demandas de usuarios deste transporte, así como toda a información sobre actividades realizadas no municipio que poidan incrementar o número de persoas que cheguen ou saian desde as súas paradas. Tamén se tratou por parte do Concello de establecer días concretos onde se poida iniciar antes o horario de transporte, como ocorre na Arribada, dando un servizo similar en días do verán ou de Semana Santa.

A día de hoxe desde a páxina http://www.bus.gal pódense coñecer todos os percorridos dos autobuses de Galicia. O Concello trasladou a posibilidade de que entre o Concesionario e a Xunta puidesen implantar unha app que dese ao usuario información en tempo real sobre a localización do seu autobús. A empresa concluíu en que o estudaría. A empresa cambiará progresivamente a sinaléctica das paradas. Tamén se estudou a posibilidade de cambiar de sitio a parada en dirección a Vigo de Alférez Barreiro. Estudarase por parte da empresa e de Infraestruturas da Xunta esta posibilidade.

Tamén asistiu á reunión o presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), Marcos Comesaña, pedindo melloras na comunicación coa Universidade de Vigo, elemento fundamental para a consideración de Baiona como municipio universitario. “A reunión desenvolveuse nun ambiente cordial e foi a primeira de moitas que teremos nos próximos meses”, sinalan desde o Concello de Baiona.