Sin categoría

Nigrán estrea unha ruta teatralizada inspirada na “Praia dos Afogados” de Domingo Villar

Nigrán continúa coa súa aposta polos paseos guiados para dar a coñecer ao máximo os seus mellores segredos. Este sábado estrea unha ruta teatralizada inspirada en “A Praia dos Afogados”, a novela negra coa que Domingo Villar retratou o municipio. A ruta que organiza Teatro do Ar coa colaboración da Cooperativa Somos Terra comezará en Monteferro, concretamente na rúa de Portocelo, e rematará no porto de Panxón.

A inscrición é totalmente gratuíta e pódese facer a través do seguinte enlace. Só hai 25 prazas. As persoas que participen terán que levar obrigatoriamente unha lanterna e un chaleco reflector. Ademais, tamén é preciso lembrar que a ruta non é circular e que terá unha duración aproximada de 1.30 – 2 horas.

Dende Teatro do Ar explican que a ruta estará inspirada nos acontecementos e personaxes do libro, pero que non é a mesma historia. “Queremos coller a esencia que nos agasallou Domingo Villar para levar á xente á súa obra a través dos segredos da ruta”, explica. As persoas que participen na ruta deberán adiviñar cal dos personaxes que os van acompañar é o verdadeiro asasino ou asasina dun mariñeiro.