Sin categoría

O Festival Nigranjazz ofrece unha Masterclass gratuíta co guitarrista Steve Cardenas

Coma cada ano, o Nigranjazz ofrece unha Masterclass protagonizada por un dos artistas principais do festival. Este ano é o guitarrista americano Steve Cardenas, reputado músico e educador. Ademais de ser un dos guitarristas máis solicitados da escena americana desde 1995, forma parte do profesorado da New School for Jazz and Contemporary Music de Nova York, onde dirixe o Thelonious Monk Ensemble, o Improv Ensemble e a clase de dúos de guitarra, ademais de ofrecer clases individuais. Tamén formou parte do profesorado do California Institute of the Arts, Siena Summer Jazz Workshop, Alternative Guitar Summit Camp, Brubeck Summer Jazz Colony, Stanford Jazz Workshop e Banff International Workshop in Jazz and Creative Music. Ademais, Steve é coautor, xunto co editor Don Sickler, do Thelonious Monk Fakebook.

Os asistentes poden participar activamente ou coma oíntes, dependendo do seu nivel. A clase está dirixida a guitarristas e músicos xa iniciados ou avanzados de Jazz pero tamén é unha oportunidade para músicos da máis diversa procedencia e para os máis novos de comprender como funciona esta música tan especial. A clase impartirase no Auditorio do Concello entre as 12:00 e 14:00 horas do sábado 29 de xullo. A Masterclass está patrocinada pola Fundación Mayeusis e será gratuíta para todos os asistentes. A inscrición poderá facerse persoalmente en Mayeusis Vigo (Rúa Areal, 118), enviando un correo electrónico achegando o formulario de inscrición cuberto a info@mayeusis.com ou por teléfono no 986 22 63 78.