Sin categoría

Nigrán enche o verán de catro roteiros turísticos gratuítos

O Concello de Nigrán ofrece ao longo do verán catro tipos de roteiros gratuítos destinados a promover o municipio: “A Praia dos Afogados”, “Praia América – A Niza galega”, “Tesouros de Monteferro” e, por último, “Paseando Nigrán”. A información concreta de cada un está pendurada en http://www.nigran.es. Todos son gratuítos, de aforo limitado, e con inscrición previa no correo oficinaturismo@nigran.org indicando o nome completo, número de teléfono e título e data da ruta elixida. A duración aproximada é de 2-2’5 horas e a dificultade baixa ou media-alta.

Estréase o mércores 19 de xullo ás 18:30 horas co roteiro literario “A Praia dos Afogados”, baseado nas localizacións da novela negra de Domingo Villar. Este mesmo se repetirá o 5, 9 e 19 de agosto en diferentes horarios.

O roteiro “Tesouros de Monteferro”, no que se percorre o Monumento á Mariña Universal, a batería militar e o petróglifo das “Penisas Pequenas” terá lugar o 22 de xullo ás 10:00 e o 2 e 30 de agosto ás 18:30 horas.

O roteiro “Praia América – A Niza galega”, baseado no proxecto de urbanización do emigrante e benefactor Manuel Lemos, terá lugar o 26 de xullo ás 18:30 horas e o 12 e 23 de agosto en diferentes horarios.

Finalmente, a ruta urbana “Paseando Nigrán” estará dedicado á parroquia de Camos e terá lugar o 26 de agosto ás 9:00 horas.