O Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia e que neste 2023 está a celebrar a súa segunda edición, continúa este vindeiro luns 17 de xullo en Baiona. O Multiusos de Sabarís acollerá ás 21:00 horas o pase do documental “Onde máis doe”, da realizadora Manane Rodríguez.
O filme, estreado o pasado 2022 no OUFF – Ourense Film Festival e finalista na categoría documental nos Premios Mestre Mateo, retrata a violencia de xénero ao contar o caso de M. M., que despois de ameazar durante anos á súa ex parella, asasinou a golpes de pala ao seu fillo de 11 anos. Un ano despois un xurado popular condenouno por asasinato e determinou que o crime buscaba castigar á nai. Manane Rodríguez asume a dirección e o guión neste filme producido por Xabier Bermúdez que conta coa música de Nani García.

