O programa provincial Musigal, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia e fomentar o uso e a normalización social da lingua, chega este sábado 15 de xullo ao concello de Gondomar. Alí celebrarase o concerto de Sés.
Sés, considerada como unha das principais referentes da escena musical galega, actuará ás 22:30 horas na Praza Paradela. A cantautora centra o seu espectáculo no seu oitavo traballo discográfico, Diante un eco, cuxo título fai referencia á concepción cíclica da historia e supón unha volta aos seus inicios, pero desde o oficio e a madurez, e sobre todo unha sólida reafirmación na estética popular.
Cun contundente directo, a música de Sés viaxa entre ritmos americanos do norte e do sur, repensados en galego e en feminino. Licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social, medrou musicalmente no folclore tradicional galego e no seu estilo mestura ingredientes que conseguen un resultado orixinal e xenuíno: rock’n’roll, tradición galega e certa cadencia da canción de autor latinoamericana.

