Sin categoría

Baiona abre as inscricións para participar nas cucañas marítimas e nos Xigantes e Cabezudos da Anunciada

Existe unha celebración referente do verán de Baiona e esa cita ineludible é a Festa da Virxe da Anunciada, que se celebrará o 4, 5, 6 e 7 de agosto. O Concello de Baiona iniciou os preparativos para celebrar unha das festas máis esperadas na Vila, por este motivo as Concellerías de Festexos e Cultura informan de que a partir deste luns, 17 de xullo, e ata o 3 de agosto, estará aberto o período de inscricións para poder participar nos tradicionais xogos de cucañas marítimas e na comparsa de Xigantes e Cabezudos, enmarcados dentro do programa Baiverán 2023.

As cucañas marítimas de Baiona organízanse anualmente o primeiro domingo do mes de agosto, dentro da programación da Festa da Anunciada. Este ano o domingo coincide en día 6 de agosto, e o porto pesqueiro acollerá estas tradicionais actividades baionesas a partir das 17:00 horas. Poderá participar calquera persoa maior de idade e os menores de 12 anos con autorización. Establécense dous premios: Bandeira Normal (10 euros) e Bandeira Especial (20 euros).

Por outra banda, tamén percorrerán nestes días festivos as rúas da Vila os Xigantes e Cabezudos. Abrirase tamén o día 17 de xullo o prazo para inscribirse nesta, tamén tradicional, comparsa baionesa que desfilará polas rúas do Casco Histórico o sábado 5 e domingo 6 de agosto. Neste caso tamén poderán participar os maiores de 12 anos. Estará composta por dez cabezudos (A Ratiña, “Popeye”, Demo, Napoleón, Negro, Negra, Pallaso cabeza grande e o Pallaso de cabeza pequena, o Gato cabeza pequena e a Bruxa cabeza pequena) e dous Xigantes, Rei e Raíña), que bailarán ao son da música durante o percorrido polo casco antigo de Baiona. Establécense dous premios, Cabezudo (30 euros) e Xigante (150 euros).

As inscricións formalizaranse por rexistro de entrada no Concello ou a través da sede electrónica na páxina web http://www.baiona.gal. Para calquera dúbida ou consulta poderán dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Baiona, situado na segunda planta da Casa do Concello ou chamar ao 986385921. Bases e documentación dispoñible na páxina web municipal http://www.baiona.gal.