Sin categoría

Manifesto Miñor considera “unha burla e un desprezo” a “auto-adxudicación de salarios” de Ferreira

Manifesto Miñor acusa a Paco Ferreira de comezar o mandato desprezando a soberanía popular que representa o pleno, outorgando as dedicacións exclusivas por decreto. “Velaí o último acto de soberbia política de Paco Ferreira e o primeiro do novo mandato desprezando o órgano da soberanía popular que non é outro que o Pleno da Corporación Municipal de Gondomar, auto-adxudicándose os salarios a el mesmo e aos concelleiros con dedicacións exclusivas, aproveitando un suposto baleiro legal, que xa veremos. Ou é que o resto dos gobernos municipais en minoría do País son parvos?”, advirte Antonio Araújo.

Para o portavoz de Manifesto Miñor é un pésimo comezo de mandato “para quen perdeu a maioría absoluta e vai ter que negociar todo coa oposición”. “Unha vez máis vemos ao Sr. Ferreira “tendendo pontes” e “dialogando” cos grupos que formamos a corporación municipal. Por certo, a día de hoxe a Manifesto Miñor nin nos chamou…. el saberá. Dende Manifesto Miñor advertímoslle que non sempre o que se publica no BOPP (BOPP nº135 de 13 de xullo) vai adiante. Coma neste caso invocando como único argumento legal a modificación da base nº25 das bases de execución do orzamento municipal de 2012, prorrogado até hoxe, unha modificación que en todo caso e ao noso modo de ver só tería vixencia para o mandato 2019-2023. Por moito que lle pese ao Sr. Ferreira, o Pleno da Corporación Municipal de Gondomar vai ter (debe ter) a última palabra neste asunto”, sinala Araújo.

“Resulta unha burla á Corporación Municipal e á veciñanza de Gondomar en xeral, que un alcalde e un goberno que non foron quen de aprobar un só ano os orzamentos municipais durante todo o pasado mandato, que agora por decreto e sen rubor, detraen duns orzamentos prorrogados e escuálidos (en vigor dende 2012), máis de 300.000€ para pagarse a si mesmos. Calquera asociación, partido, entidade social, cívica etc, do tipo que for, somete sempre a aprobación dos salarios e dedicacións exclusivas dos seus membros ao criterio do órgano soberano, chámese asemblea, consello de administración, pleno, etc. Menos o PSOE de Gondomar. En Manifesto Miñor xa estamos estudando as posibles iniciativas tanto dende o punto de vista legal coma político. Esta nova alcaldada do Sr. Ferreira pola nosa parte non vai quedar sen resposta”, conclúe Araújo.