Sin categoría

Maica Larriba coordina o dispositivo de seguridade para as Festas da Anunciada de Baiona

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe a Xunta Local de Seguridade do Concello de Baiona, xunto ao seu alcalde, Jesús Vázquez Almuiña. Tamén asistiron ao encontro o coronel xefe provincial da Garda Civil, Simón Venzal, e outros responsables do corpo, así como da Policía Local e da seguridade municipal do concello. O tema principal da xunta tivo relación coa celebración das Festas da Anunciada, que se celebrarán os días 4, 5 e 6 de agosto.

As accións que se van levar a cabo por parte dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado pasan pola posta en marcha de controis de alcoholemia e drogas nos accesos á vila que sirvan de prevención pola posible falta de responsabilidade dalgúns condutores. Ademais, servirán de apoio aos axentes da Policía Local, garantindo o bo desenvolvemento das actividades festivas. No encontro a subdelegada do Goberno tamén anunciou o reforzo da vixilancia policial durante o verán neste municipio debido á súa gran afluencia turística. Así mesmo, Maica Larriba sinalou que Baiona “é un concello moi seguro e tranquilo a pesar do seu dinamismo, sobre todo nestes meses, como exemplifica a caída dun 10% das infraccións penais no que vai de ano”.