O Paseo Ribeira de Baiona acolleu a presentación da tradicional Regata de Gamelas que servirá de pistoletazo de saída para as Festas da Anunciada, que se celebrarán a primeira fin de semana de agosto, concretamente os días 4, 5, 6 e 7. Varias embarcacións masculinas e femininas participarán na proba denominada Regata de Gamelas Vila de Baiona Gran Premio EuroRed, unha competición tradicional que se leva celebrando trinta e seis anos na Vila mariñeira.
Durante a presentación, o Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou que “para a Regata de Gamelas de 2023 realizouse unha restauración integral das embarcacións, deixándoas nunhas condicións óptimas para a competición. Estes traballos de restauración engloban os traballos de lavado, lixado, reparación de golpes e orificios con fibra de vidro, reposición da cabullería e elementos de amarre, recravado dos reforzos do plan e finalmente os traballos de pintura e marcaxe, consistentes nunha man de imprimación, dúas mans de pintura e a colocación de todos os vinilos para a súa personalización”.
Así mesmo, todos os remos foron sometidos a unha restauración completa mediante tarefas de lixado e pintado, reparación de remadoiras e a preparación das empuñaduras para un correcto equilibrado dos remos. Todos estes traballos foron realizados baixo o patrocinio de Grupo Eurored en colaboración co Excelentísimo Concello de Baiona. Na presentación tamén participaron o Concelleiro de Pesca, Marisqueo e Actividades Marítimas, Joaquín López Goce, o Concelleiro de Cultura e Accesibilidade, Policarpo Vilar Misa, o director de operacións de Grupo Eurored, Raúl Costas Lafuente, e o Vicepresidente do Monte Real Club de Yates, Alejandro Retolaza Vázquez-Viso.
O campo de regatas estará instalado como manda a tradición no porto pesqueiro o venres da Anunciada, día 4 de agosto, e as probas clasificatorias comezarán ese mesmo día ás 17:00 horas, rolda de clasificación feminina, ás 17:30 horas, rolda de clasificación masculina. Ás 20:00 horas dará comezo a final feminina e media hora máis tarde a masculina. Ás 21:00 horas terá lugar a entrega de trofeos e premios en metálico para os tres primeiros clasificados de ambas as dúas categorías. O primeiro clasificado recibirá 300€, o segundo 200€ e o terceiro 100€.
As inscricións pódense realizar a través da App baionacodeporte.gal ou do email deportes@baiona.gal. Máis información no Pavillón Municipal de Deportes ou chamando ao 986.356.558.

