Meira, a un paso do título no Supercampionato Galego R5 tras gañar en Salvaterra

Quinta cita da tempada e unha das máis esperadas para AMF Motorsport, o Rallye Sur do Condado, a proba de casa do Campionato Galego de Rallyes, onde Alberto Meira é o piloto máis laureado con 6 triunfos.

Nesta edición da proba a choiva fixo acto de presenza nos primeiros compases, complicando a elección de pneumáticos para a longa primeira sección. Meira, acompañado por Avelino Martínez, saía ao ataque asinando o scratch en Arbo, pero despois, cos tramos secos, foi imposible seguir o ritmo do WRC, así que novamente a atención centrouse en asegurar a segunda praza absoluta e impoñerse novamente no Supercampionato Galego R5 e a Copa Top Ten Pirelli A.

En ambos os dous certames, Meira dominou con man de ferro sobre os seus rivais, asinando todos os scratchs da matinal e encarando a xornada vespertina con diferenza suficiente para administrar, coidando a mecánica e sen cometer o máis mínimo erro para asinar outra actuación sobresaliente aos mandos do Fabia R5.

Meira comentaba as súas impresións á súa chegada ao parque pechado: “Fixemos outro rallye moi bo, cun gran nivel, estando preto de Víctor nalgúns tramos e facendo varios scratchs. Novamente, o obxectivo está cumprido, que era vencer dentro do Supercampionato Galego R5. O equipo portouse que dá xenio e grazas a eles e aos patrocinadores que nos permiten estar en cada carreira estamos a lograr unha tempada practicamente perfecta”.

Con esta vitoria, a quinta de cinco posibles no Supercampionato Galego R5 e a Copa Top Ten Pirelli A, Meira será matematicamente campión se finaliza polo menos en cuarta praza no próximo Rallye Pazo Tizón, fagan o que fagan os seus rivais.