As augas da Praia da Ladeira albergaron este domingo a celebración da XIII Travesía a Nado Vila de Baiona “Gran Premio Eurored”, que contou con preto de 250 participantes repartidos nas categorías Sub-12, que deberon completar 100 metros, Sub-16, cun percorrido de 500 metros, e Adultos e Veteranos, que completaron 2.000 metros a nado con saída e meta no areal baionés.
Un ano máis, Marcos Vila Cid foi o primeiro en cruzar a liña de meta cun tempo de 26:49. Estíbaliz Bugallo Pérez completou o percorrido en 29:01, converténdose na campioa feminina. Os primeiros baioneses en chegar á meta foron Martín Trigo, cun tempo de 32:00, e Rita Hernández Alfageme, que completou os 2 quilómetros en 33:27. Por equipos, o vencedor foi o Ferralemes.
En Sub-12, o vencedor foi Marcos Garabatos Crespo (3:32). Martín Patiño Ríos (4:32) e Gabriel Calvar Fernández (4:41) foron segundo e terceiro respectivamente. Bárbara Quintana García (3:32) foi a primeira en cruzar a meta, seguida de Lucía Fernández Costas (4:12) en segunda posición e Celia Cao Hermo (4:21) pechando o podio.
En Sub-16, Jesús Patiño Ríos (7:18) foi o primeiro en completar os 500 metros. Lucas Leirós Fernández (7:20) foi segundo e Sergio Álvarez Vázquez (7:20) terceiro. Antía Piñeiro Fernández (8:21) foi a campioa na categoría feminina, mentres que Rita Rubio Sueiro (8:33) ocupou a segunda posición e Esther Martínez Morán (8:52) a terceira.
Tamén recibiron premio especial o participante máis novo, Gabriel Calvar Fernández, de 9 anos, e o máis maior, Antonio Amaro Caamaño, de 69.

