Varias das xogadoras e xogadores do Turonia GFG participarán en dúas das Seleccións oficiais que participarán este verán no Campionato Mundial de Fútbol Gaélico que se celebrará en Derry (Irlanda) entre os días 24 e 27 de xullo no Centro de Excelencia Owenbeg. As finais disputaranse no Celtic Park de Derry City o 28 de xullo de 2023. Neste campionato participarán seleccións de todo o mundo.
Para a Selección Galega feminina do Turonia GFG foron seleccionadas as xogadoras Silvia Álvarez (Porteira e Capitana), Antonella Larrascq (Terceira/Segunda Liña), Raquel Gómez (Primeira/Segunda Liña) e Sara Sánchez (Terceira/Cuarta Liña). Froito isto da gran tempada das rapazas: campioas da Liga Galega, subcampioas do Campionato Ibérico e subcampioas da Copa All-Galiza.
Para a Selección de Iberia Masculina do Turonia GFG foron seleccionados os xogadores Rubén Mazás (Segunda Liña), Miguel García (Terceira Liña) e Miguel Gómez (Cuarta Liña). Este ano os homes fixeron unha boa tempada, acadando o segundo posto da 2ª División e xogando o partido de promoción contra o Estrela Vermelha de Santiago saíndo derrotados. Por outra banda proclamáronse campións do Torneo Arribada Gaélica de Cambados.
Tamén colle destacar a Juan Larrascq, segundo adestrador do Turonia GFG feminino, que este ano tamén se suma á Selección Galega feminina como segundo adestrador.

