Os nigraneses Anxo Carril e Mauro Vega proclámanse campións galegos de XCO

FOTO: LUZ IGLESIAS // Anxo Carril.

Na fin de semana previa ao Campionato de España de XCO, os títulos galegos da especialidade olímpica da bicicleta de montaña puxéronse en xogo este sábado na localidade lucense Outeiro de Rei. A cita celebrada na área recreativa de Penas de Rodas repartiu catorce coroas. O Team Bike Outeiro de Rei repetiu como anfitrión un mes despois de organizar o autonómico de Trial Bici. Esta puxante entidade deseñou nesta ocasión unha intensa fin de semana que arrancou co Campionato de Galicia 2023 – XCO Penas de Rodas e que se completou o domingo cun evento de Mini BTT. As carreiras dos maiores tiveron lugar nun trazado catalogado unanimemente como “circuitazo”, moi técnico, no que os favoritos nas probas raíñas senllas exhibicións.

Saúl López recuperou o seu trono no Cross Country Olímpico despois de que o ano pasado participara no Campionato de Galicia disputado en Maceda o biker local e profesional Pablo Rodríguez. Esta vez, sen o ourensán na liña de saída, o corredor de Monforte era o rival a bater e non fallou na busca da súa cuarta camisola da Federación Ciclismo Galego (FCG) nesta especialidade. O representante do Academia Postal-Maceda marchouse na primeira das seis voltas xunto ao tamén elite Samuel González (Máis Que Bici) e aos sub23 de Nigrán e Gondomar Anxo Carril (Coruxo) e Ricardo Buba (High Level-Gsport-Grupo Innova Tormo). Aos seus tres acompañantes descolgounos no segundo xiro ao circuíto.

Cun rexistro de 1 hora 33 minutos e 7 segundos, Saúl López apuntouse a vitoria con 2’09 sobre o nigranés Anxo Carril, campión sub23 por segundo ano consecutivo. A terceira posición correspondeu dende a cuarta volta ao elite Manuel Ángel Parada (Xesteiras), que finalizou a 2’55” do gañador, e 34” máis tarde rematou Samuel González, o terceiro ocupante do podio elite. Jorge Punzón (Cosmos) cruzou a liña de meta na quinta posición e sexto fixo o gondomareño Ricardo Buba, colgándose a medalla de prata sub23, unha categoría na que Diego Marnotes (Extol) levouse o bronce.

Júniors e cadetes

As carreiras júniors tamén chegaron resoltas á última volta. Alejandro García (Academia Postal-Maceda) dominou entre os mozos e a emoción concentrouse na pugna polo segundo posto, con Martín Sestelo (Avanza-O Porriño) dobregando ao gondomareño Danny Buba (Coruxo) nos metros finais. A incerteza por coñecer ao gañador mantívose case ata os metros finais nos cadetes. O nigranés Mauro Vega (Coruxo) impúxose por 20” de vantaxe ao dúo composto por Xián Alvariño (Lynalfa Ponteareas) e Néstor Frías (Academia Postal-Maceda), anotándose a segunda posición o biker do conxunto ponteareán.

A clausura da xornada púxose cunha cerimonia de entrega de premios na que participaron Pilar Méndez Lombao, concelleira de Deportes de Outeiro de Rei; Marcos Gascón e Miguel Ángel Arias por parte do Team Bike Outeiro de Rei; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego.

Sub23 masculino

  1. Anxo Carril (Coruxo)
  2. Ricardo Buba (High Level-Gsport-Grupo Innova Tormo)
  3. Diego Marnotes (Extol)

Cadete masculino

  1. Mauro Vega (Coruxo)
  2. Xián Alvariño (Lynalfa Ponteareas)
  3. Néstor Frías (Academia Postal-Maceda)

Júnior masculino

  1. Alejandro García (Academia Postal – Maceda)
  2. Martín Díaz (Avanza-O Porriño)
  3. Danny Buba (Coruxo)