O Concello de Baiona, a través da Concellería de Festexos, informa de que a actuación do grupo de baile Giro’s de Baíña prevista para este venres ás 22:30 horas na Praza do Concello, aprazouse ante as intensas choivas que se están rexistrando e continuarán nas próximas horas. O evento, que forma parte da programación Baiverán 2023, trasládase ao luns á mesma hora e no mesmo lugar.
“Desde o Concello de Baiona manifestamos o noso pesar polo aprazamento, pero trátase dunha decisión meditada xa que a choiva non permitiría gozar aos máis pequenos da actuación que levan preparando con tanta ilusión e esforzo para exhibir os seus bailes ao público. Desde o Concello de Baiona animamos a todos os veciños e visitantes a gozar desta bonita actuación o vindeiro luns, día 10 de xullo, na Praza do Concello ás 22:30 horas”, apuntan desde o goberno local.

