Veciños da parroquia de Mañufe trasladaron estes días á voceira do Partido Popular, Paula Bouzós, as súas queixas pola contaminación das augas de regadío no lugar de Lobadas por mor dunha fuga na rede de saneamento. Paula Bouzós desprazouse ao lugar, acompañada polo concelleiro José Antonio Rodríguez, para ver “in situ” o problema de contaminación e comprobar como as augas que discorren polos regos van totalmente turbias debido a fugas procedentes da rede de saneamento municipal.
Os veciños presentes fixéronlle saber que este problema xa foi posto en coñecemento hai varios meses, tanto do anterior concelleiro de obras, Jose Manuel Chamorro, como do alcalde Paco Ferreira, que os tranquilizaron comprometéndose a facelo antes das eleccións municipais, pero pasadas estas todo segue igual. Ao mesmo tempo fan constar que xa a Policía Local levantou un informe sobre esta contaminación, pero que nada máis souberon do tema. Ao problema de salubridade na zona, engádense tamén os cheiros que en días de calor se fan máis notorios e agora que chega a época de rega dos seus cultivos non poden facelo con unhas augas contaminadas como estas.
“Xa fai meses que llo dixemos ao concelleiro de obras e ao alcalde pero pasan de nós totalmente. Queremos regar e non podemos facelo con estas augas tan contaminadas como están. Imos ver agora que chega o verán como podemos soportar os cheiros”, argumentaban os veciños presentes. Paula Bouzós pide ao Alcalde que tome cartas no asunto e solucione este problema que veñen padecendo os veciños de Cristillón en Mañufe.

