Sin categoría

70 nenos e nenas participan nunha nova edición do “Gondoverán”

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, visitou este luns o inicio do “Gondoverán” no CEIP Chano Piñeiro, para saudar ás nenas e nenos participantes. O rexedor destacou a importancia deste tipo de campamentos “para facilitar a conciliación das familias no período de vacacións escolares, e tamén para que as nenas e nenos poidan seguir co seu proceso educativo e de socialización nun entorno de lecer”. Nesta nova edición participan 70 rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos.

“Gondoverán” é un programa de lecer e tempo libre preferentemente para fillos e fillas de familias traballadoras, co obxectivo de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante o mes de xullo, ao tempo que se potencia o desenvolvemento integral do neno/a a través dunha programación que combina o xogo con actividades creativas, culturais e coñecemento do entorno próximo, dende unha pedagoxía do lecer baseada na educación en igualdade e hábitos saudables, xestionado pola Concellería de Igualdade a través do Centro de Información á Muller.

Ademais de diferentes actividades educativas e de lecer as rapazas e rapaces participantes farán varias saídas e excursións. Así visitarán, entre outros, lugares como Chan da Lagoa onde pasarán toda a mañá, farán actividades e xogos de auga, traballarán o medio ambiente, a igualdade, resolución de conflitos, alimentación saudable e realizarán tamén unha pernoita.