O novo Equipo de Goberno do Concello de Baiona tivo unha primeira reunión cos empresarios e empresarias do sector hostaleiro que desenvolven a súa actividade na Vila co obxectivo de lograr o equilibrio entre a actividade do sector e o desfrute da veciñanza. O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, o Concelleiro de Urbanismo, José Ángel Bahamonde Rodríguez, e o Xefe da Policía Local de Baiona, Plácido Viéitez, participaron na reunión xunto a unha corentena de empresarios e empresarias, entre as que se atopaban o Presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), Marcos Comesaña.
Durante a asemblea, o rexedor baionés presentou ao empresariado “a necesidade de realizar unha solicitude formal de instalación de terrazas en espazos de uso público para todos aqueles locais que a teñan sen tramitar”. Desde o Concello de Baiona repartiuse entre os presentes as follas de solicitude oficiais para tramitar a solicitude nun prazo de 10 días. Así mesmo, desde a administración local infórmase que o documento está ao dispor de todas aquelas persoas que o desexen nas dependencias de urbanismo da administración local.
Vázquez Almuíña anunciou a aprobación de novo da ordenanza municipal que regula esta actividade para que a partir do tempo de trámite establecido entre en vigor a súa aplicación. Introduciranse todas aquelas emendas presentadas que melloren a mesma. O Alcalde de Baiona reiterou o apoio do Equipo de Goberno á actividade económica hostaleira, “buscando o equilibrio co desfrute da veciñanza e as persoas visitantes”. A este respecto, na reunión tamén se tratou o tema da ocupación da vía pública con respecto á accesibilidade, a limpeza das terrazas, así como a mellora na eliminación de residuos, especialmente os orgánicos. Tamén se considera importante a retirada do mobiliario durante as noites.
“O obxectivo destas medidas é lograr o equilibrio entre a actividade económica, o lecer nas terrazas e o desfrute da veciñanza dos espazos públicos do Concello de Baiona”, destacou o rexedor. A Policía Local realizará controis dos distintos espazos para que se cumpra coa ordenanza municipal. Tamén poden descargar o formulario de solicitude de instalación de terrazas en espazos de uso público na páxina web municipal do Concello de Baiona.


