Panxón acolle o primeiro campamento en toda España para nenos xordos

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, destaca o apoio do Goberno galego ao primeiro Campamento Estatal para a Infancia Xorda, que organizaron a Federación de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg) e a Confederación Estatal de Personas Sordas (CNSE) e que se celebrou estes días na Residencia de Tempo libre que o Goberno galego ten en Panxón.

Fabiola García achegouse o pasado xoves ao campamento no que participaron 52 nenos xordos e con discapacidade auditiva de diferentes lugares de España: Madrid, Andalucía, Galicia, Barcelona, Murcia, Estremadura, Castela e León e Gran Canaria.

A conselleira puxo en valor a colaboración da Administración autonómica para facilitar a celebración do campamento, que ofrece un espazo común e actividades de ocio a todos os nenos nas que non se encontren con barreiras de comunicación nas que no seu día a día si teñen que enfrontarse. Así, durante a semana de duración do campamento os rapaces celebraron actividades como surf, paddle surf, xincanas, xornadas de convivencia e tamén excursións para coñecer Galicia.

Así mesmo, Fabiola García salientou a campaña de verán da Xunta de Galicia como unha programación pensada para facilitar a conciliación dos fogares e adaptada para todos os rapaces. Neste sentido, o Goberno galego ademais de contar cunha oferta xeral preparada para nenos con discapacidade tamén se pon á disposición das familias unha orde específica con 250 prazas.